Luns. 26.08.2019
El tiempo

"Queremos pensar que se conseguimos recuperar o pediatra en Zas estamos axudando a outros lugares que teñan o mesmo problema"

"Queremos pensar que se conseguimos recuperar o pediatra en Zas estamos axudando a outros lugares que teñan o mesmo problema"
Vanessa Camafreita da Coordinadora da Plataforma Zas sen recortes en Pediatría Vanessa Camafreita da Coordinadora da Plataforma Zas sen recortes en Pediatría Os pais e nais de Baio e Zas sofren cada noite cruzando os dedos para que os seus nenos non se poñan malos. Os recortes en pediatras no servizo público de saúde leva sendo unha constante nos últimos anos, e moitos dos pais e nais dos concellos da comarca xa o teñen sufrido. Lugares como MalpicaCoristanco, Carballo, Mazaricos, Cee ou Corcubión xa tñen sufrido este problema. En varios lugares a unión conseguíu recuperar un mínimo servizo de calidade, e por Zas precisamente consideran que deben traballar xuntos para que as 300 familias do concello volvan ter un pediatra en condicións. Por iso decidiron constituír a Plataforma Zas sen recortes en Pediatría, da que forman parte todos os pais e nais afectados, pero tamén toda a veciñanza, que está sendo coordinada por un grupo de sete persoas, Juan Manuel Velo, María Camino, M. Carmen Antonio, M. José Castiñeira, Óscar Canosa, Sandra Espasandin e Vanessa Camafreita. Precisamente falamos con Camafreita para coñecer un pouco máis de preto a situación na que se atopan as familias zaseiras.  
  • QPC: Antes de nada. Explícanos que problemas tendes para conseguir cita co pediatra? Hai retrasos? hai todos os días consulta?
Antes tiñamos un horario de atención de 8:00 a 15:00h (35 horas semanais), e pola tarde xa non tiñamos consulta en Baio e Zas. Se o neno enfermaba pola tarde só podíamos ir Vimianzo pola tarde, e de aí ou te atendían no PAC ou te derivaban a un Hospital. Agora, temos a pediatra só 15 horas á semana, de 12:00h a 15:00h, repartidos en dous días no Centro de Saúde de Baio e 3 no de Zas, para as máis de 300 familias. Pero non se cumpren sempre porque se ten retraso no Hospital da Coruña, onde pasa consulta ata as 11:00h, acusámolo nós. A esas horas, ademais, unha persoa que traballe é inviable saír do traballo para levalo ao pediatra. Antes, ás 8:00h aínda madrugadas e aínda podías chegar a unha boa hora ao traballo, pero agora… Ademais, se pasa algo antes da 12:00h temos que acodir de urxencias ao Centro Médico de Vimianzo, aínda que tamén nos dixeron que nos podía atender o médico de cabeceira, que non é especialista, pero que ten obrigación. É algo moi grave.   A problemática vén de antes, pero eu como teño neno dun ano, a cousa venme moi recente. Pero é certo que nas vacacións do anterior pediatra, quedamos sen servizo ningún. E de feito, non che facían unha receita nos outros centros médicos porque non era unha emerxencia e mesmo tivemos que ir ata Camariñas porque coindiron as vacacións dos pediatras de Baio e Vimianzo.  
  • QPC: Como comezades a organizarvos? Cando vos decatades que hai que unirse para loitar por este servizo?
Foi o propio Concello o que nos reuníu para explicarnos o que estaba pasando. Pouco despois uns pais foron a unha reunión con Luís Verdes, Xerente da Área Sanitaria da Coruña, a preguntar que estaba pasando. Da seguinte reunión nacíu a coordinadora, porque pensamos que podemos representar a voz dos país, para defender aos nosos fillos, mellor que sexa o Concello, para que non o poidan asociar á política.  
  • QPC: Porque sodes dalgunha cor política?
Iso queremos aclaralo. Estannos asociando a partidos políticos e queremos deixar claro que non representamos a ningún partido nin nos escondemos detrás dunhas siglas, só defendemos os nosos fillos por un dereito universal como é a saúde. De feito, ata nos ten pasado que cando estábamos colgando carteis ata nos preguntaron se eramos de Podemos. Moita xente parécelles que somos os peóns do concello, e non, nin somos do concello nin da oposición.   A raíz dun par de reunións dos sete membros da Coordinadora, pensamos en empezar por cousas moi pacíficas, para que se nos vaia facendo caso, pero por agora seguimos sen recibir respostas, así que habrá que tomar novas medidas. A verdade é que esta fin de semana moita xente pensou que a concentración era só polos pais e nais, se cadra demos unha mensaxe mala porque somos toda a sociedade de Zas os perxudicados con esta nova reforma. Todos os veciños poden ser directamente afectados por estes recortes nalgún momento da súa vida.  
  • QPC: Agora que toca?
Esperamos unha resposta pero non ten moita pinta. Queremos facer unha reunión con todos os pais e nais para ver que seguimos facendo, e facer que os pais e nais se involucren na proposta de ideas e na toma de decisións. Somos 7 na Coordinadora pero somos todos os pais e nais protagonistas.   Queren facer un pediatra de área que cubra os servizos médicos, é dicir, poñerlle a unha persoa 16 horas de traballo ao día. Parécenos inadmisible, porque non se pode ter un neno ben atendido se o pediatra cambia constantemente. Os nenos é moi importante que teñan un seguimento pediátrico polo mesmo profesional.  
  • QPC: Sentides que esta loita é polas familias de Zas ou tamén sentides que estades facendo algo pola mellora dos servizos públicos no rural galego?
Nós queremos pensar ao grande e pensar que se o conseguimos para Zas estámolo facendo para outras vilas que se poidan ver na mesma situación ca nós. En toda a comarca, apoian ao rural de palabra e á hora da verdade notamos un desleixo do rural galego.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-falta-de-pediatras-o-insan-costume-do-sistema-sanitario-galego/

Comentarios