O suposto caso de acoso axita a concentración dos venres dos traballadores de XEAL

Mentres, cada vez está máis axitado o suposto caso de acoso sexual e laboral que sufriron dúas traballadoras por parte dun alto cargo, que xa ten provocado reaccións na empresa. De feito, este xoves aínda se constituía a mesa de negociación do Plan de Igualdade, a pesar de que a empresa “fachendeaba” arredor do 8 de marzo que estaba moi avanzado.
”Un plan que consideramos moi necesario nesta empresa”, deixa claro un Comité que xa presentou a súa denuncia ante a Inspección de Traballo polos feitos, e que volveu a pedir que se “adopten as medidas oportunas co presunto agresor e para preservar os dereitos e a dignidade das dúas traballadoras”. “A dirección non pode continuar protexendo a esta persoa e sendo cómplice de comportamentos machistas nos nosos centros de traballo”, denuncian. “É a súa obriga garantir un entorno laboral seguro e libre de calquera tipo de violencia, polo que esiximos unha actuación contundente para evitar que se repitan estas situacións e ao tempo demandamos o cese da política de represión iniciada por XEAL, que se materializa en despedimentos selectivos de traballadores/as baseados en supostas baixadas voluntarias do rendemento”.
Na concentración tamén estará presente o traballador despedido hai pouco.