Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os textos gañadores do I Certame de microrrelatos da Asociación Feminista Buserana

certame buserana
Os textos gañadores do I Certame de microrrelatos da Asociación Feminista Buserana

A Asociación Feminista Buserana xa ten premiadas para o seu I Certame de microrrelatos. Se ben nun principio a intención nesta primeira edición era a de otorgar un único premio, o Clube de lectura Bruar, encargado da lectura e elección do relato premiado, pedíu a creación dun accesit, debido á alta calidade e sensibilidade especial dalgún dos relatos presentados.

As dúas premiadas son Paula Pérez Trillo de 18 anos co seu relato titulado “Silvestre”, e Erika Cives Pena de 16 anos e alumna do IES Agra Raíces, co seu ”Ledicia dos ollos”,.

A dotación dos premios chegan da man das librerías Mestura, Ler e Fersi. Serán entregados na concentración de Cee o 25 de Novembro as 20:30h da tarde.

Estes son os textos premiados.

”SIlvestre”, de Paula Pérez Trillo

No cumio dun outeiro de eidos frescos, nacían ventureiras petunias moradas, que lustrosas brillaban coma o fai o mar arrolado polo sol.

Agora, no cúmio dun outeiro de eidos baldíos, vense folgados entre a bruma da noite os piares do mundo; pedra rexa, apagada, na que o vento asubía unha melodía triste. As flores foran asoballadas e as súas raíces, dende a escuridade da terra, sostiñan o peso do mundo enteiro.

Nese momento do día onde toda a beleza da natureza se mostra por un intre antes de desaparecer na noite pecha, o cúmio dun outeiro de eidos vivos arde en paixón e esperanza.

En cada unha das fendas, grechas, buratos e lañas da rocha erma abríanse paso deslumbrantes petunias, milleiros delas. Daban fin á escuridade imposta e tomaban ceibes o seu lugar no mundo.

Así, no cumio dun outeiro de eidos vizosos, reloce por sempre un inamovíbel manto púrpura.

PETRA.

 

”Ledicia dos ollos”, de Erika Cives Pena

Lola tiña un sorriso envexable. Deses que reflicten a alma das persoas. Posuía unha gran enerxía... das que non desaparece, senón que se contaxia.

Aos poucos, esa moza de Celanova foise apagando. Cada palabra, cada mirada de desprezo...

Cando se quixo dar conta era invisible. Sempre desaliñada e o más discreta posible, sen máis, volveuse transparente.

 

Rebentou.

Lola colleu a mellor maquillaxe que tiña e a súa saia de cadros azuis preferida e volveu á fermosura que ela contiña. Cando súa nai a viu, díxolle ‘ten moito coidado Loliña’. Mais ela, coa súa mellor cara, saíu pola porta sen máis.

Deron as dúas. Despois as tres. Logo as catro... e así ata as doce do medio día. E Lola seguía sen aparecer.

Dúas semanas pasaron ata que se atoupou o corpo da moza no río. Atopárona espida, sen vida, sen alma. O único que quedaba de quen fóra era aquela saíña de cadros azuis.

Chorima.

 

Novas do 25N

Comentarios