Un costeiro, premio Nacional de FP de Grao Superior
En tempos de crise educativa, dá gusto ler novas positivas. E a de hoxe así o é, pois un Premio Nacional de FP de Grao Superior non se acada todos os días. O BOE vén de publicar o premio que o Ministerio de Educación lle outorga a Fabián Regueira, natural da Pereiriña.
O ceense, despois de cursar o Ciclo Superior de Mantemento de Equipo Industrial en IES Punta Candieira de Cedeira, vén de recibir o Premio por ser un dos 26 mellores expedientes de toda España en materia de Formación Profesional en Grao Superior dos anos 2011-2012.
Fabián, que ten ademais Grao Superior de Mantemento Industrial, marchou a Cedeira, un dos 3 únicos centros que imparte este grao, cun veciño da Pereiriña, pero xa reside na Costa da Morte.
Precisamente a súa formación complementaria foi importante, pois o expediente do curso contaba un 60%, e despois os seus diplomas como os 5 anos na Escola de Idiomas, ou un par de cursos de Seguridade relacionados co ciclo, servíronlle para aumentar a puntuación, e poder recibir así o diploma e unha compensación económica que ronda o millar de euros.
Fabián chegaba despois de recibir o mesmo Premio no Certame Autonómico (como vemos na imaxe na entrega realizada na Cidade da Cultura o ano pasado). “A verdade é que ao Nacional, presenteime por presentarme, porque a verdade é que non contaba…” recoñece sorprendido e orgulloso.
Preguntámoslle se lle veu ben este recoñecemento a nivel laboral, pero admite que non lle fixo moita falta, pois “agora estou na carpintería de Lobelos Álvaro Rodríguez, onde xa traballaba antes de rematar o ciclo cada verán”. Pero, iso si, “o Premio vai par ao currículo seguro!”.
Agora, esperan en casa que chegue esa carta certificada do Ministerio para ir recoller o diploma da man do tan querido Ministro Wert.
Novas relacionadas
- A comunidade educativa non queda calada ante os continuos recortes.
- Os 5 mellores expedientes do IES Fernando Blanco recibiron as becas do mecenas.
- A ceense Ainhoa Conde, a mellor nota do curso en toda Galicia.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).