Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O verán empeza en agosto en Cee

Programa de Veran de Cee 2023
O verán empeza en agosto en Cee

Empezou o verán en Cee e xa está en marcha o completo programa cultural artellado polo departamento de Cultura do Concello, que terá no mes de agosto as citas máis singulares. Un curso de interpretación diante da cámara, música, teatro, espectáculos de rúa e exposicións conforman a ampla oferta deste ano no que se manteñen citas clásicas como o Certame de Habaneras, o Memorial Manuel Rebollar ou as xornadas adicadas ás agrupacións locais de bailes rexionais e música tradicional.

E como non podía ser doutro xeito a vila espera ansiosa o cartel das Festas da Xunqueira (que se celebrarán do domingo 13 ao mércores 16 de agosto) contan este ano con 50.000€ de aportación municipal), das que xa se sabe que van ser os pregoeiros. A novidosa proposta deste ano é darlle protagonismo aos ex rexedores. Así terán os seus 10 minutos os Manuel Lamela Lestón (alcalde de Cee entre 1979 e 1987 e 1995 e 2001, e pai da actual alcaldesa), Manuel Castro Castro (alcalde entre 1987 e 1995), Antonio Domínguez García (de 2001 a 2007), Ramón Vigo Sambade (alcalde en varios mandatos de 2007 a 2012 e de 2015 a 2019) e Zaira Rodríguez Pérez (rexedora de 2012 a 2015).

Programa

A primeira gran cita hai que esperar ata o sábado 29 de xullo coa visita Banda de Gaitas de San Xoan de Paramos (Tui), chegada da recente aparición no San Patricio de EEUU.

O mes de agosto arrinca co concerto Xeración Babalú que na noite do venres 4, que traerá moitas lembranzas a todas aquelas persoas da Costa da Morte que viñan a bailar coa música dos 80 e 90 na fin de semana á discoteca Babalú.

Na xornada do sábado 5 de agosto e durante tres días consecutivos terá lugar, en colaboración coa Asociación de Amigos da Banda de Música de Cee, unha edición máis do Memorial de Bandas Manuel Rebollar, no que ademáis das bandas de musica de Meaño, Beade e Cee, participarán a Banda de Gaitas de Forcarei, o grupo Sinsón e a actuación da formación A música de Cecebre cun espectáculo que lembra ás primeiras orquestras dos anos 40 e 50 do pasado século.

Unha das actuacións destacadas desta programación será o concerto de Antía Muiño, o venres 11 de agosto. Unha artista, con raíces na nosa zona e que xa está a destacar no panorama nacional da música de autor.

Ademais, haberá contacontos os mércores 26, xoves 27 e venres 28 de xullo, ás 12:00h no Auditorio da Casa de Cultura.

As Asociacións

As Asociacións culturais serán protagonista no auditorio da Casa de Cultura nos días previos ás festas patronais con actuacións ás 21:00h na Casa da Cultura: O martes 8 con Asoc. Cultural Terra de Sena , Grupo de gaitas Fumes do Cal, Grupo de gaitas e pandereteiras da AA.VV. de Toba, Grupo Mestura Fol; o mércores 9 co Grupo de gaitas e baile Pedras Miúdas, Escola de Danza Breogan e Grupo Nin Chica nin Patacón.

Mostra de Teatro

Especial atención merece a IX Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna!, que durante seis días (do 19 ó 24 de agosto) traerá destacados espectáculos ó Auditorio da Casa de Cultura, salientando a estrea de Códice K e o peche da edición deste ano da man de Mofa&Befa.

Hai bonos de 22€ para s 6 funcións, e entradas individuais por espectáculo (a xeral a 7 €) que se poden mercar tamén previamente na Biblioteca e na taquilla o día da función. As citas serán ás 21:30h no Auditorio Baldomero Cores. H:

  • Sábado 19: Dos creadores de Fariña, chega: “Códice K”, con Lucia Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón.
  • Domingo 20: Parasimpáticas de Ainé Producións, con Lucía Veiga e Marita Martínez.
  • Luns 21: “La casa de Bernarda Alba” da compañía Teatro Noite Bohemia.
  • Martes 22: “Chulísima”, con Aldaolado, o dúo poético musical que forman a ceense María Lado e a hercula Lucía Aldao.
  • Mércores 23: “Molto barroco” de Píscore, con Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas.
  • Xoves 24: “Pirolíticos” dos eternos Mofa & Befa:

Cultura no Camiño para crianzas

Os 25, 26, 28 e 29 de agosto 2023 haberá, a partir das 20:00h, lío para as crianzas na Praza da Constitución, co “Gran Circo Galego” (venres 25), “Dende Arriba” (sábado 26), “Contacantacontos” (luns 28), e o concerto infantil de Magín Blanco (martes 29).

Curso de interpretación

Do martes 1 ó xoves 31, celebrarase durante todo o mes de agosto un curso de interpretación diante da cámara cun total de oito sesións de dúas horas de duración cada unha. As clases, impartidas por Toño Casais, terán lugar na Casa de Cultura en horario de mañá. Inscrición: na Biblioteca Francisco Mayán.

Exposicións

Ao longo do mes de xullo, a Sala de exposicións da Casa da Cultura acolle a exposicións Forza, espazo e tempo da escultora Pepa Nieto e Cadros ao óleo variados do pintor Eladio Lores.

A partir do 3 de agosto, colle o relevo a exposición 30 anos de Mofa e Befa, que se inaugurará ás 12:00h.

Comentarios