Na verdadeira transición: outro encaixe da enerxía eólica
- Vítor do Canteiro, veciño de Ameixenda, xa nos ten alertado contra ”Os Señores do vento”. Hoxe volve saltar á voz pública ante a invasión do Polígono Eólico de Sembra, que ameazan a única zona da Costa da Morte, por agora, libre de eólicos.
Como dicía o noso Álvaro Cunqueiro: “Xuro ser prudente, xusto e libre en tanto me sexa posíbel. Xuro non facerme cómplice, nen mesmo polo silenzo, do egoístas e os poderosos”. Pois eu tamén xuro diante de todos os xuíces e xuízas lectoras que poida ter a publicación deste artigo, que na parte tocante á complicidade, a min tampouco me van coller.
Imos entrando en materia. Imaxinade soamente por un intre (isto está pasando noutros lugares da nosa xeografía, non é ficción enerxética), que os veciños da Ameixenda deciden asociarse como cooperativa e constituír unha Comunidade Enerxética. Supoñamos que os residentes-comuneiros/as de Lugar da Igrexa cedesen os terreos do seu monte veciñal de man común, e que as veciñas e veciños de Lamas, Caneliñas e Gures fosen os que proporcionasen a porcentaxe máis alta do capital social. E agora vén todo un formulario de cuestións de complicada resposta ao que terían que facerlle fronte, antes sequera de comezar coa tramitación desta ilusionante iniciativa: En que concello terían que facer as xestións burocráticas de todo o papeleo? Sabe alguén con certeza a que parroquia, e por extensión a que concello pertence, ou pode pertencer en breve, o núcleo rural de Gures? Se se mira na táboa de nucleos rurais por parroquias do Documento Inicial Estratéxico do PXOM do Concello de Cee, actualmente coa tramitación en curso, Gures non aparece. Si, xa sei que é soamente nesa táboa e que despois Gures é citado dentro do territorio do concello con toda normalidade.
Máis preguntas: O deslinde do territorio dos concellos de Cee e Dumbría vai sufrir algunha modificación se a redacción do texto do documento antes citado se aproba definitivamente? Como se vería afectado o Monte Veciñal de Man Común de Lugar da Igrexa? Hai presentada algunha solicitude para a “Autorización de alteración do termo municipal” por parte do Concello de Cee ou do de Dumbría? Cal é a actual demarcación destes dous concellos, a que marca o “Instituto Geográfico Nacional” ou a de Catastro?... Porque os eólicos do Alto de Monte Maior bailan dun lado a outro do deslinde que é unha monada! Imos ter que andar vixiantes, ¡non nos vaian mover os marcos e nós sen enterarnos!
Ben, pois estas son soamente algunhas das preguntiñas que se poideran ter feito os veciños e veciñas da Ameixenda se esa iniciativa andivera aboiando nas súas cabezas como unha realidade de futuro, ou na de calquera que poida preocuparse un pouco polo asunto.
Pero o que pretendía eu hoxe coa exposición deste artigo é, máis que nada, desvincular dous proxectos que, de implementarse e pasar a súa execución, afectarían de cheo a nosa comarca. Estes dous proxectos son: por unha banda o PE de Sembra (coa súa liña de evacuación) que afectaría ao territorio de Cee, Fisterra e Dumbría; e por outro lado o PE Paxareiras II D-E (Ameixenda-Filgueira), que está en funcionamento desde o ano 2002 e que ten moi cerca no tempo un posible repotenciamento. E, aínda que teñamos que intentar, con todos os recursos dos que poidamos botar man, que o Plan Sectorial Eólico de Galicia mude cara outra realidade enerxética, imos ser realistas: o máis probable, se as cousas se fixesen escrupulosamente dentro do marco legal, é que estes dous proxectos vaian adiante, senón con algunha das alternativas dos deseños actuais, con outras moi parecidas en canto á desproporción.
Tal e como está definido o procedemento administrativo para autorización dun parque eólico, o marco normativo galego establece “áreas de exclusión de competidores”. De tal maneira, que os parques eólicos que xa están establecidos, como é o caso do Paxareiras II D-E, e incluso aqueles que foron tan “só” admitidos a trámite (o de Sembra está aínda no fin da fase potestativa), non permiten que entren novos parques eólicos nas zonas delimitadas por esas zonas de exclusión. Polo tanto, os veciños e veciñas da Ameixenda, que xa están dentro da zona afectada polo parque eólico Paxareiras II D-E , nunca o estarán da opción do PE de Sembra, a menos que a propietaria do parque eólico, Ameixenda-Filgueira SL, lle autorice a ocupación á nova promotora do PE de Sembra, Volantis Renovables SLU. Un sindeus a efectos dos intereses do capital de cada unha das promotoras a día de hoxe, e tamén, técnica, administrativa, e construtivamente falando. En canto ao territorio dos concellos afectados polo PE de Sembra, hai un documento inicial que mostra as alternativas construtivas e o seu emprazamento: sendo o TM de Cee o máis afectado, pero tamén os TT. MM. de Fisterra e Dumbría. Neste caso non hai dúbidas posibles.
O caso do PE Paxareiras II D-E xa é máis controvertido. Se imos ao anexo do BOE do 17 de abril do ano 2000, e miramos a "relación de propietarios, bienes y derechos afectados” do que daquela se denominaba PE Paxareiras II D (Ameixenda) -pois aínda non era un único PE, senón dous: o Paxareiras II D (Ameixenda) e o Paxareiras II E (Filgueira)- vemos que todos os propietarios/as afectados polas expropiacións son veciñas e veciños de Dumbría, agás tres (un veciño e unha veciña da Ameixenda, e outra dos Camiños Cháns) que o son só polo xiro das pas dun dos viraventos.
Ata aquí semella que todos os eólicos están instalados en territorio do Concello de Dumbría, pero se lemos a descrición do espazo afectado que aparece na memoria do proxecto, e miramos nun dos planos que figura adxunto nese mesmo documento (e que aparece liñas abaixo neste artigo): pódese comprobar que a maioría dos 14 aeroxeradores que hai no Alto de Monte Maior, ou están instalados no territorio de Cee, ou están no deslinde.
Como se come isto, con palillos chineses... ou como???
Pois ben, o debate está servido. É de rigor informativo facer este tipo de aclaracións e alguén debería dar as oportunas explicacións de como se fixeron as cousas daquela a este respecto no eido municipal. Se as actuais autoridades municipais -porque estas cousas aínda que facéndose dentro da conxuntura burocrática do marco da legalidade vixente, transcenden aos veciños e veciñas do municipio... ¡transcenden, pero menos!- tivesen a deferencia de aclarar publicamente todas estas cuestións, sería moi de agradecer. O Documento Inicial Estratéxico do PXOM (Plan Xeral de Ordenamento Municipal) do Concello de Cee está agora mesmo, se non estou nun erro, na Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en “Trámite de consultas previas na avaliación ambiental estratéxica”. A este documento xa non se pode facer ningún tipo de “observación” e “suxestión” por parte da cidadanía. De calquera xeito, a toma en consideración destas dúas formulas legais por parte da Administración, nas que os veciños e veciñas teñen a oportunidade de “defender” os intereses patrimoniais das súas parroquias, xa vos podedes imaxinar de que calado é.
Remato cun poemiña que ao levar implícita moita sabedoría popular, leva tamén moita retranca.
A porta dun muíño
Póñome a considerar
As voltas que da o rodicio
E aínda as que ten que dar.
- Vítor do Canteiro
Novas relacionadas
- P.E. Sembra: Os eólicos poñen sombra sobre a paisaxe e o Camiño de Cee, Dumbría e Fisterra.
- Ameixenda ten o seu documental.
- A veciñanza de Ameixenda descobre a flora e fauna de Banle cun Bioblitz
- Vitor do Canteiro: Vento de futuro
- Vítor do Canteiro: Os Señores do vento.