Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Os Señores do vento

Os viraventos do Polígono Eólico de Sembra ameazan a única zona da Costa da Morte, por agora, libre de eólicos, e o idílico lugar de Ameixenda. O seu veciño Vítor do Canteiro mándanos este sentido escrito.
Foto aerea de Ameixenda-Foto-Diego Trillo
Foto aérea de Ameixenda de Diego Trillo
Os Señores do vento
“Só a través do tempo é que se conquista o tempo”.

Caeron fai poucos días nas miñas mans unhas páxinas, con autoría de Ramón Vilar Sambade, nas que se dá conta dos primeiros documentos que se teñen da miña parroquia, Santiago da Ameixenda. Debullo na súa narración: “Nas datas nas que imos empezar o noso relato eran os señores feudais os que mandaban e campaban ás súas anchas por todo o territorio galego, ditando as leis que lles conviñan e apoderándose de todos os terreos que lles daba a gana... Cando se instalou aquí o primeiro cura xa contratara o clero co conde de Altamira a metade da nosa parroquia... O contrato da igrexa co conde era do río para o sur, ou sexa, o Lugar da Igrexa. A outra metade, do río para o norte, deixáralla o Conde de Altamira ao seu fidalgo Don Diego de Lamas e Sotomayor”. Velaí a parroquia da Ameixenda dividida en dous lugares con distintos señores: o Lugar de Lamas, do señor Don Diego de Lamas y Sotomayor, administrador da xurisdición de Corcubión para a Casa de Altamira alá polo ano 1600; e o Lugar da Igrexa, que pertencía ao señor arzobispo de Santiago, arcipreste e cura da parroquia polo medio.

As rendas ás que se vía sometido o lugar de Lamas eran de “cen ferrados de trigo repartidos entre os catorce veciños, ademais de dous bos carneiros e cinco litros de manteiga cada un”. As do Lugar da Igrexa “eran moito máis desfavorables que as de lamas: consistían en cento trinta ferrados de trigo, trinta de centeo e nove carros de leña cada ano repartidos entre once veciños”.

“Daquelas poeiras estas lameiras”.

Cal é a consecuencia sociolóxica de este tipo de intervención señorial?
O enfrontamento contínuo e continuado das comunidades de veciños pola implementación do pago desas rendas. Todo isto pode verse reflexado, aínda hoxe, na realidade dos tempos que nos toca vivir: dous lugares divididos pola rémora que supón a enquistación no ordenamento territorial actual daquela división das terras e as súas rendas.

Ao tratar de poñer a realidade diante dun espello, implementando unha ferramenta retrospectiva que nos permita desvelar o entramado casuístico do noso pasado para dese xeito analizar as nosas propias orixes desde as semellanzas co aquí e o agora, entreabrimos a xanela do esperpento da historia para escoitar a súa rima. Se antes era a nobreza e o clero os que tiñan o poder para manexar ao seu antoxo as terras e as actividades productivas e comerciais, hoxe son os señores do vento, do ríos, dos acuíferos, da vivenda, da sanidade, dos bancos, da industria, da tecnoloxía, dos datos... do futuro, perdón, do non-futuro; eses son os monstros que impoñen o camiño. A liturxia deste mundo financiarizado en mans dos fondos de inversión e da súa man executora, os grandes lobbys; coa misión moi concreta de presionar e converter en lacaios aos bancos centrais e aos gobernos de turno. Unha liturxia pueril, devota do colapso e do “sálvese quen poida”. Estes son os señores, os monstros, da nosa realidade.
Fotomontaxe Ameixenda cos eolicos Sembra
Fotomontaxe de Ameixenda cos eólicos Sembra

O despoboamento e o abandono que de xeito acelerado e alarmante rexistran moitas comarcas da Galicia, coa morte ou esquecemento das nosas vellas e vellos, que levan á sepultura coñecementos e acordos sobre usos e costumes antigos, pasan factura á hora do aproveitamento común do noso patrimonio. A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo fai que o destino dos nosos montes e terras agrarias sexa para o maior e mellor aproveitamento das grandes empresas dos sectores eléctrico e pasteiro cos seus “monocultivos” intensivos de parques eólicos e eucalipto.

Veciñas e veciños de Lugar da Igrexa e de Lamas, xa sabedes cal é o meu posicionamento fronte ao proxecto de instalación nos nosos montes dunha poligonal eólica. Que non nos dividan agora que temos que tomar unha decisión tan transcendental para as nosas vidas e as das seguintes xeracións de Ameixendáns. Consciente da gravidade do problema e da necesidade de pararlle os pés as malas praxes das administracións, fago desde aquí un chamamento ao entendemento de todas as veciñas e veciños da Ameixenda para garantir a biodiversidade e a persistencia dun mundo rural vivo.

“A historia non se repite, pero rima”: sabémolo, non perdamos a cordura.

  • Vítor do Canteiro.

Novas relacionadas

Comentarios