Martes. 23.04.2024
El tiempo

Vento de futuro

Os viraventos do Polígono Eólico de Sembra ameazan a única zona da Costa da Morte, por agora, libre de eólicos, e o idílico lugar de Ameixenda. O seu veciño Vítor do Canteiro, despois de publicar o artigo ”Os Señores do vento”, repite en QPC o seu chamamento:
Natureza na Ameixenda
Natureza na Ameixenda
Vento de futuro

Non tería aínda os catro anos feitos e fórame buscar meu irmán máis vello á casa de señora Leonor, onde a súa filla, miña tía Pilita, ensinaba a nenos e nenas a ler e escribir. Baixabamos polo corredor que vai da que era a casa de señora Carolina ata as casas de señora Leonorcita e señora Pitita. Pasabamos por diante da casa da “Mereja” e íame contando meu irmán que tiña que ir de apóstolo, e que o cura me ía lavar os pés no oficio de Xoves Santo... Ese é o primeiro recordo do que teño unha imaxe vivida e consciente. A imaxe do modelo de sociedade que me tocou vivir. Teriamos que preguntarnos que queremos que recorden as nosas nenas e nenos. A infancia non é soamente unha fase primaria de aprendizaxe no libro das nosas vidas. Non é algo que morre en nós e que se seca cando unha o un vai cumprindo anos. Non. A infancia é, sobre todo, o máis vivo dos tesouros: é onde hai que plantar a semente do vento de futuro.

O que non nos ensinan desde a perspectiva materialista deste mundo financiarizado é que a única sustentabilidade viable é construir futuro a partir da infancia; e para iso temos que encher a vida das nosas crianzas de valores ecolóxicos amarrados en imaxes, experiencias, sentimentos que rexistren, conserven e evoquen todo aquilo que non podemos perder como humanos, que é o coidado do noso medio e a preservación de toda a sabiduría que foron recollendo os nosos devanceiros para a súa conservación.

Eses son os alicerces coherentes dun progreso humanizado e respectuoso coa biodiversidade. Sen non extremamos ese coidado estamos abocados ao fracaso como especie.

Vistas dende os montes da Ameixenda-Foto-Francisco Santiago Lopez
Vistas dende os montes da Ameixenda-Foto-Francisco Santiago López

Nunha conversa que tiveron fai poucos días dous amigos meus naturalistas; Javi “O Bichiño” e Francisco Santiago López, argallaban ideas para empezar a facer un censo de especies de fauna e flora que se atopasen nos montes da Ameixenda, sobre todo na zona protexida de Rede Natura. Unha delas foi organizar saídas medioambientais guiadas para a rapazada: excursións por Banle, Cortellas, Montemaior, Lagoa Seca, Monte Agudo, Cerqueiras. Coller uns prismáticos e mirar as mandas de eguas e cabalos, as vacas pacendo libremente, o voo das aguias cobreiras, perdices, labercas, miñatos, se cadra algún corzo que corre fuxido, ou un raposo, ou un lobo. Documentar petroglifos, pedras senlleiras, recoller a pegada de épocas e idades pretéritas ou arrolar a redacción de lendas das que se nutra o noso imaxinario colectivo. Este tipo de iniciativas educaría en biodiversidade e conservación do noso territorio coa clara vocación pedagóxica de crear comunidade, e serían implementadas coa coordinación e colaboración da Asociación Cultural da Ameixenda e a Asociación Boca de Sapo de Corcubión. Bravo por eles!

Todas estas actividades teñen tamén a clara intención de involucrar ás nais e aos pais da rapazada da contorna, para facelos partícipes da concienciación que significa poñer en valor o noso patrimonio natural e humano, e o noso medio. Canta falta temos de inciativas con ese tipo de sensibilidade!

Hoxe no alto de Montemaior hai catorce viraventos que conforman o parque eólico Paxareiras II D Ameixenda. Catorce viraventos de moi pouca potencia (as súas turbinas non chegan aos 600kW) que levan instalados desde o ano 2002 e que teñen contados os seus días de vida útil.

O máis que probable repontenciamento, ou calquera outra intervención de sobreinstalación dese parque -e chámolle “parque” utilizando termos bonitiños das promotoras-, pois en níngún dos proxectos eólicos se expón como opción o seu desmantelamento, pode acabar coa vida dos nosos montes tal e como a coñecemos. Unha desfeita medioambiental deseñada desde o máis puro interese material dos voitres do diñeiro. Ese mundo escuro dos cartos que só pensa en beneficios e non en ningún tipo de transición enerxética optimizada cara un modelo máis sustentable.

O progreso non pasa só polos medios técnicos e tecnolóxicos, e recursos enerxéticos que nos permitan desenvolver a nosa actividade humana. Pasa, máis que nada, por concienciarse de que se non somos respectuosos co medio imos dereitos ao colapso. Temos que poñer todo o empeño en construir unha comunidade ecosocial de futuro. Esa é a tarefa.

  • Vítor do Canteiro.

Máis artigos de Vítor do Canteiro en QPC

Novas relacionadas

Comentarios