Domingo. 28.04.2024
El tiempo

96.000 euros provinciais para rehabilitación de edificios e instalacións municipais de Corcubión

Mal estado da Casa da Cultura de Corcubion
O estado da Casa da Cultura de Corcubión
96.000 euros provinciais para rehabilitación de edificios e instalacións municipais de Corcubión

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, e o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, asinaron hoxe un convenio de colaboración para cofinanciar as obras de rehabilitación de edifcios e instalacións municipais.
O orzamento total do proxecto ascende a 120.000 euros, dos que a entidade provincial achega o 80% do investimento, que supón a cantidade de 96.800 euros.

Proxéctase a execución de diferentes obras de rehabilitación en diferentes edificios municipais, que son a Oficina de Turismo, a Casa da Cultura, a Casa do Concello, a contorna do Cuartel da Guardia Civil no Mercado Municipal, no edificio dos Xulgados e na Capitanía Marítima.

Na Oficina de Turismo a actuación prevista centrarase na solución das humidades. Realizarase unha limpeza do acabado da cuberta a base da tella curva do país, con lanza de auga a presión, incluíndo o baleirado dos canlóns, para o que será preciso alugar unha plataforma hidráulica. Repoñeranse os pavimentos afectados no interior do edificio, demoleranse as partes danadas e afectadas e procederase a realizar o pintado interior de todos os parámetros horizontais e verticais.

Na Casa da Cultura vaise proceder a limpar o acabado exterior, incluíndo o baleirado dos canlóns. No interior da edificación será necesario repoñer as partes afectadas polas filtracións de auga e a actuación completarase coa susbtitución dunha porta metálica.

A obra que se vai realizar na Casa do Concello inclúe a limpeza dos canlóns existentes na cuberta, así como a reposición das tellas rotas e, ademais, eliminaranse as fendas existentes nas molduras de formigón armado das fachadas, e recompoñelas.

Na contorna do Cuartel da Guardia Civil acondicionarase un espazo baleiro a carón da rúa Campo do Lobo, na parte norte da instalación, co obxectivo de crear varias prazas de aparcamento e un novo acceso á zona residencial. O pavimento realizarase mediante unha soleira de formigón armado con malla, e acabado pulido con mestura de cemento e cuarzo.

As actuacións no mercado municipal centraranse na cuberta e na planta alta do almacén. Modifícase o acabado da cuberta colocando unhas novas placas de fibrocemento de cor tella, para adecuarse á contorna. No relativo á planta alta, completaranse os revestimentos interiores, mellorando os acabados e executando a instalación elécrica neste espazo.

A execución no edificio dos Xulgados vai solucionar os problemas ocasionados que se derivan das filtracións de auga mediante a colocación de grapas de aceiro, realizarase a rehabilitación de diferentes tramos da fachada mediante revestimento de morteiro adhesivo amado con malla de fibra de vidro e a colocación dun novo acabado con revestimento acrílico-mineral. Tamén se prevé o selado dos encontros das carpinterías con masilla de polímero de altas prestacións.

Comentarios