A Deputación trae a Ponteceso, Muros e Corcubión os seus cursos de vela
08:05 20/05/17
Os cursos de vela desenvolveranse entre o 3 de xullo e o 11 de agosto
Os concellos de Ponteceso, Muros e Corcubión - xunto cos de Mañón, Bergondo e A Pobra do Caramiñal - acollerán este ano, entre o 3 de xullo e o 11 de agosto, os cursos da campaña de vela 2017 da Deputación da Coruña. Nos mesmos poderán participar rapaces e rapazas entre os 9 e os 18 anos pertencentes ao ámbito comarcal de cada un dos concellos que serán sede da actividade.
Os interesados en participar nos cursos deben formalizar a inscrición no seu concello, entregando a ficha de inscrición xa se pode descargar da páxina web da Deputación da Coruna debidamente cumprimentada e asinada polos pais ou titores dos solicitantes. A cota de inscrición será de 25 euros e requerirase un mínimo de 15 nenos/as para a celebración de cada un dos seis cursos programados.
Nos cursos, que terán unha duración dunha semana en quendas de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas), realizarase unha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico da elaboración de nós mariños. A incorporación e regreso ás instalacións naúticas onde se desenvolverán os cursos correrá por conta dos participantes.
As quendas dos cursos e os correspondentes prazos de inscrición son os seguintes:
| QUENDAS | CONCELLOS | PRAZO DE INSCRICIÓN NO CONCELLO |
| 1ª quenda: do 3 ao 7 de xullo | MAÑÓN | Antes do 16 de xuño |
| 2ª quenda: Do 10 ao 14 de xullo | BERGONDO | Antes do 23 de xuño |
| 3ª quenda: Do 17 ao 21 de xullo | PONTECESO | Antes do 7 de xullo |
| 4ª quenda: Do 24 ao 28 de xullo | CORCUBIÓN | Antes do 14 de xullo |
| 5ª quenda: Do 31 de xullo ao 4 de agosto | MUROS | Antes do 21 de xullo |
| 6ª quenda: Do 7 ao 11 de agosto | A POBRA DO CARAMIÑAL | Antes do 30 de xullo |
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña