Achegándonos ao máis sinxelo cos haikus de Luis Carril
O pasado xoves 18 de marzo de 2010 o o Restaurante As Hortensias de Corcubión acolleu a emotiva presentación do libro de haikus de Luis Carril, "El musgo que indica en norte". A asistencia do pintor xaponés afincado en Muxía, Yoshiro Tachibana, deu un carácter se cadra máis simbólico ao acto de presentación.
Luis Carril, nado na Coruña e afincado en Corcubión por motivos laborais, viña de realizar sendas presentacións en Albacete, Valencia e na súa cidade natal. O libro está editado pola Editorial Haibooks, e está composto por textos e poemas enviados a través da páxina referencia do haiku en castelán elrincondelhaiku.com. A idea de completar o ciclo de presentacións do libro na Costa da Morte vén pola inspiración que lle deu esta salvaxe e natural zona nos últimos tempos, que serviu para crear moitos dos textos que forman o libro. "Os haikus son a columna certebral do libro mentres que os textos son o corpo", definiu así a estrutura do libro.
Carril, que se quixo definir como topógrafo e nunca como escritor nun alarde de honestidade, comezou cunha pequena introdución ao haiku. Dende as súas orixes como pasatempo da nobleza xaponesa da idade media, ata posta en valor por intelectuales nipóns. De como un haiku debe describir unha escea cotiá, con linguaxe sinxela, afastado do "eu" e "alonxado da mística e moi pegado ao chan", e deixando ao lector parte responsable no sentido do mesmo. Así o definiu Luis Carril, que se apoiou na sabedoría de Tachibana, quen fixo unha comparación cunha fotografía, "un haiku é como captar un instante a través dunha fotografía".
Yoshiro Tachibana leu algún haiku histórico tanto en xaponés como en castelán para deleite dos asistentes, que se adentraron no intento de convertirse en "haiyin". Un camiño o de ir na procura do haiku perfecto, que xa enriquece en si mesmo, porque nos achega á realidade, nos apega ao chan.
Máis información
- Luis Carril no Rincón del Haiku.
- Editorial Haibooks.
- Editorial Haibooks: El Musgo que indica el norte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).