Venres. 19.04.2024
El tiempo

O BNG de Corcubión fai propostas para axudar ao comercio local e a hostalería

Terraza en Corcubion
O BNG de Corcubión fai propostas para axudar ao comercio local e a hostalería

Ante a inminente chegada da Fase 1 da chamada desescalada, e pensando xa crise económica xerada sobre o comercio local e a hostalería o BNG de Corcubión vén de formular unha serie de propostas. Lembran os problemas acaecidos pola suspensión das verbenas, desfiles e festas populares, e pola cal xa non se celebraron as festas patronais, nin existe previsión de celebrar as festas do verán que atraen centos de turistas e que supoñen unha boa parte dos ingresos anuais dos locais hostaleiros da vila.

Ante a próxima apertura dos negocios con só o 50% da ocupación das terrazas durante a chamada Fase 1, o BNG propón que se adopten unha serie de medidas polo concello que sirvan para reactivar o sector hostaleiro e comercial, animándoos así a abrir os negocios, nunha situación que non vai ser nada fácil, e na que lles vai costar moito conseguir ingresos suficientes para pagar os costes mínimos da apertura e funcionamento.

Estas son as propostas do BNG corcubionés:

  • ”Suspensión temporal da normativa de terrazas. Ampliación ordenada da ocupación do dominio público polas terrazas para que os bares, cafeterías e restaurantes poidan ter máis clientes mentres non poidan abrir ao 100%, e exención do pago das taxas durante todo o ano”.
  • ”Exención do pago das taxas da recollida de lixo dos negocios polo tempo de duración das medidas restritivas”.
  • ”Establecemento de axudas ao sector comercial e hostaleiro, que complementen as posibles subvencións da Xunta e do Goberno, si é que as aproban”.
  • ”Posta en marcha dunha campaña de concienciación veciñal para dinamizar e fomentar a compra no pequeno comercio do pobo”.
  • ”Posta en marcha dunha campaña publicitaria que promocione Corcubión como destino turístico”.
  • ”Preparación dun calendario de actividades culturais, como alternativa ás festas, para reactivar e promover a economía local”.

Comentarios