Luns. 29.04.2024
El tiempo

O BNG de Corcubión presentou unha lista chea de caras novas

BNG Corcubion lista
O BNG de Corcubión presentou unha lista chea de caras novas

Fin de semana electoral na Costa da Morte. Numerosas presentacións de PP e BNG na comarca, como a vivida o pasado vernes na Casa da Cultura de Corcubión. Terceira posta en escena do BNG corcubionés, e do seu candidato Francisco Xabier Domínguez “Drok”. Más dun centenar de veciños achegáronse para ver a renovada lista, chea de mocidade e de caras novas.

O acto presentouno María Bella, unha das novas incorporacións na candidatura, que reclamou a complicidade dos presentes e de toda a veciñanza para compartir as propostas para transformar o futuro de Corcubión, lembrando un fragmento do político urbanista brasileiro, Jaime Lerner, no que relataba a necesidade de aplicar menciñas “máxicas” para revitalizar pobos enfermos, co fin de que o seu organismo reaccione.

A continuación interveu, o deputado no Congreso, Néstor Rego, que sinalou a importancia de ter un goberno municipal do BNG “que goberne para a maioría da poboación, a través de políticas transformadoras para mudar, en positivo, a vida da xente”. Un proxecto municipal, engadiu Rego, inserido dentro da marca de concellos BNG, “unha marca de prestixio que garante que a organización nacionalista cumpre con todo aquilo co que se compromete”.

Finalmente, o candidato, Francisco Xabier Domínguez, agradeceu a presenza dos veciños e veciñas no acto, así como a confianza e apoio da militancia nacionalista na súa persoa para encabezar e dirixir esta nova andaina co fin de gobernar a vila nos vindeiros catro anos. El foi o encargado de presentar un a un aos membros da candidatura, onde destacou a experiencia de Xosé Lois Lado, actual portavoz na corporación, e Pilar Tubío, coa incorporación de persoas do tecido asociativo, como Francisco Santiago e María Bella. Ao proxecto súmanse tamén por primeira vez, Juan Carlos Cristino, Inés López, Carmen Monteagudo e Manuel Pérez, e volven a formar parte da lista Alex López, Serxio Iglesias e Francisco Martínez.

A gran sorpresa da presentación, foi o gran número de xente moza que se suma neste proxecto do BNG, Jon Moret, Adriana Balufo, Irene Martínez, Marta Santiago, Soraya Rodríguez e Rubén Castillo, rapaces e rapazas que se atopan na veintena da súa vida, e que se mostraron entusiasmados e ilusionados de integrarse nesta gran equipa que busca transformar e mellorar o Corcubión que todos merecemos.

Novas das eleccións

Novas do BNG

Comentarios