Mércores. 23.10.2024
El tiempo

O BNG critica que a Xunta non queira abrir Centros de Día na Costa da Morte

Oscar Insua BNG Paramento
Oscar Insua no Parlamento
O BNG critica que a Xunta non queira abrir Centros de Día na Costa da Morte

Moi vehemente amosouse o deputado da Costa da Morte, Oscar Insua, ante a nova negativa do PP a abrir en 2025 cen prazas para centros de día na comarca. O grupo popular votou en contra da iniciativa do BNG, que tamén pedía poñer en funcionamento de xeito inmediato o  edificio do Asilo, ofrecido polo Concello de Corcubión con capacidade para 22 prazas e listo dende hai unha década.

“Descoñecemos as razóns polas cales a Consellería se nega, non só a poñelo en marcha senón tamén a reunirse cos representantes do goberno municipal”, manifestou.

Na súa intervención na comisión 5ª, Insua tirou dos datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta, onde se recolle a relación de centros de día públicos, para constatar que en Fisterra, Corcubión, Cee, Carnota, Dumbría, Camariñas, Muxía e Vimianzo hai “cero prazas”.

Insua manifestou que a poboación destes concellos é de menos de 10.000 habitantes pero “toda xunta achégase aos 50.000 habitantes, sen contar a de Cabana e Muros, e -lamentou- só existe a ridícula cifra de 55 prazas públicas de centro de día a menos de 50 quilómetros”.

O PP volveu argumentar a súa aposta polas casas de maiores, e Insua insistiu na idea de cualificalos de “chiringuito porque -asegura- son un “dumping laboral”, con persoal que cobra menos de 800 euros netos ao mes”.

Na súa réplica, Insua contestoulle ao PP que a competencia de abrir centros de día e do Executivo de Rueda e non entende “como lles pide aos concellos que sexan eles quen teñan que facelo”. Engadiu que descoñecen “as razóns polas que a conselleira rexeita unha reunión co alcalde de Corcubión, que -remarcou-  leva un ano pedindo unha cita e non se lle dá”.

Comentarios