A Capela do Pilar pechada por perigo de derrubo. Un pau para a cultura
Fai xa moitos anos que a Capela do Pilar se converteu no epicentro cultural da activa vila de Corcubión. Un espazo frío, pero moi acolledor, un espazo que pasou de ser o rocho do Mercado Medieval, a ser o auditorio máis concorrido da vila. Charlas, presentacións de libros, obras de teatro, programas de radio, roldas de prensa… numerosos eventos acolleu durante estes anos a paganizada capela.
Pero as fortes chuvias de novembro acabaron de estragar a xa malparada estrutura do edificio. Botaron abaixo parte do teito obrigando ao concello a mantelo pechado á espera de obras.
A anterior corporación xa abrira un proceso de licitación a través de Fondo Next Generation para facer unha reforma na Capela, pero quedou deserto. Ningunha empresa se atreviu a desenvolvelo porque entre outras cousas propuña instalar chan radiante e era necesaria excavación arqueolóxica. Con todo, non había partida para a cuberta nin para outras cousas necesarias, por iso a nova corporación vén de solicitar poder reactivar a licitación pero cunha ampliación de financiamento, e están agardando á resposta da Xunta.
Por agora, o Concello intentará darlle vida á Casa da Cultura, e ao seu espazo coñecido como “museo”, unha sala multidisplinar moi valiosa.