xoves. 13.11.2025
El tiempo

A Capela do Pilar, a Residencia Paraíso da artista Isolda Comesaña

Isolda Comesaña na Capela do Pilar de Corcubion nunha residencia artistica 2
Isolda Comesaña na Capela do Pilar de Corcubión
A Capela do Pilar, a Residencia Paraíso da artista Isolda Comesaña

Convírtese a Capela do Pilar en espazo fetiche para a residencia artística da artista Isolda Comesaña. A viguesa arribou este martes en Corcubión no marco da novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, ata o martes 25 de novembro, Isolda ultimará a súa proposta “Sagrado Corazón”.

O proxecto é unha investigación escénica arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.

Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade. Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N, co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas.

Isolda Comesaña na Capela do Pilar de Corcubion nunha residencia artistica

Sobre a artista

Isolda Comesaña Alcaraz é unha creadora e actriz formada en Interpretación Xestual pola ESAD, que actualmente estuda o Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación pola USC, ademais de Ciencias Ambientais pola UNED.

En 2022 creou Derrubo. Camille Claudel, un monólogo baseado no texto orixinal de Laura Rubio Galletero, ademais de desenvolver a investigación escénica arredor do desastre ecolóxico do Prestige Visions of Prestige. No 2023 obtén unha residencia de creación teatral arredor da literatura medieval galaico-portuguesa e a literatura renacentista de Creta, coordinado por SONSGaliza e a Universidade de Atenas, co proxecto Lyriqas Project, organizando, tamén, ese mesmo ano, o proxecto de microteatro Microescena Lab na Morada Cooperativa en Vigo. No 2024 resultou gañadora do 1º premio do Xuventude Crea na categoría teatro coa súa peza Prázdno, un traballo Fin de Estudos arredor da deconstrución da feminidade desde o hexemónico até o grotesco.

Como actriz, participou de reparto no filme de Irati Gorostidi Anekumen / Aro Berria e na produción do Centro Dramático Galego Os actos e as profecías.

Comentarios