xoves. 07.11.2024
El tiempo

O Concello de Corcubión implica á veciñanza na loita contra a velutina

Imaxe do interior dun niño de velutina. Foto-Juanma Trillo
O Concello de Corcubión implica á veciñanza na loita contra a velutina

A Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade de Corcubión vén de lanzar a Campaña de trampeo contra as vespas velutinas 2024: "Protexendo a nosa contorna coa participación comunitaria".

Unha campaña que trata de implicar a veciñanza nos traballos continuos para preservar a contorna natural e protexer a biodiversidade local.

A campaña, que abranguerá as dúas parroquias deste Concello (San Marcos e San Pedro da Redonda), enfócase na instalación de 50 trampas estratéxicamente situadas, sete en cada lugar da parroquia e quince no núcleo urbano. Estas trampas estarán claramente etiquetadas co lema distintivo da campaña e o escudo do Concello, proporcionando unha visualización comunitaria efectiva e fomentando a participación activa dos residentes na iniciativa de control de velutinas.

Ademais, a Concellería de Medio Ambiente levará a cabo unha monitorización regular das trampas, en colaboración con voluntarios locais comprometidos coa protección da entorno. "Esta colaboración comunitaria reflicte o compromiso compartido de salvagardar a natureza e promover a conciencia ambiental no Concello de Corcubión", explica o edil Francisco Santiago López.

Como parte integral da campaña, ofreceranse actividades complementarias, incluíndo unha charla educativa sobre a etoloxía do comportamento das velutinas, así como os seus hábitos e vida e tamén  sobre o arte  da apicultura e a importancia de preservar esta tradición para o ecosistema local.

Así Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e sustentabilidade fai un chamamento a todos os veciños e veciñas  para unirse a esta importante iniciativa, "demostrando unha vez máis que xuntos podemos marcar a diferenza na protección do noso entorno natural e na promoción dun futuro sostible para as xeracións futuras", solicita.

Para obter máis información sobre a campaña de colleita contra as velutinas 2024, os medios de comunicación poden poñerse en contacto coa Oficina de Prensa do Concello de San Pedro de Redonda.

Comentarios