O Concello de Corcubión rexeita un aumento de taxas de Sogama que repercutirá na veciñanza
Son moitos os Concellos que xa manifestaron o seu rexeitamento á subida do imposto do lixo anunciado pola Xunta de Galiza. Neste caso é o equipo de goberno do Concello de Corcubión o que critica o coñecido como “taxazo” de Sogama, “que supón un novo “sablazo” do Goberno do PP, cunha subida para 2025 do 30% na factura da xestión de residuos, que se suma ao 30% de incremento deste ano”. O executivo corcubionés sinalou que os concellos terán que repercutir esta suba na cidadanía, porque así o establece a lei.
Deste xeito, de aprobar a nova subida, o canon tipo pasaría dos 68 euros/tonelada da primeira metade de 2024 (coa bonificación do 15% máis de 100 concellos pagaban 56 euros) aos 108 euros en 2025.
“Un auténtico sablazo e un atraco que merece unha resposta contundente por parte dos concellos”, afirmou o alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, que subliñou que para exemplificar a repercusión que vai ter nos orzamentos municipais “é importante facer estimación anual do que supón o incremento en comparación con 2023, antes da primeira suba aprobada en xullo de 2024”.
Domínguez Traba considera que a Xunta e Naturgy (socias de SOGAMA) “pretenden facerlle pagar aos concellos, e polo tanto á veciñanza, o fracaso dun sistema de xestión de residuos centralizado, caro, obsoleto, antiecolóxico e que vai na dirección contraria á Directiva europea de residuos”. O rexedor pensa que hai alternativas para unha xestión máis sustentable dos residuos municipais, substituíndo a custosa e antiecolóxica incineración por tratamentos baseados na recollida separada, a reutilización e a reciclaxe.