Corcubión acollerá a entrega do XXI Premio Plácido Castro de Tradución
Este venres día 29, véspera do Día Internacional da Tradución, a Capela do Pilar en Corcubión, acollerá a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XXI edición recaeu ex aequo en Eva Almazán pola obra “O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking”, de Joan Didion; e Xosé Antón Parada Fernández, pola obra “Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica”.
Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego, significar a importancia da tradución no sistema literario galego así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras.
Pola súa banda o Concello de Corcubión como membro do padroado da Fundación e na súa labor de apoio á difusión da memoria da vila convértese en anfitrión de esta actividade.
Exposición
Asemade, co fin de que a veciñanza poda coñecer mellor a este referente, durante a semana do 25 de setembro e ata o domingo 1 de outubro a Biblioteca Municipal de Corcubión adicará un recuncho de letura a salientar a figura de Plácido Castro cunha selección de publicacións relacionadas coa súa vida e obra.
Sobre os premiados
O premio conta cunha dotación económica de 2.000 euros, un diploma e unha obra escultórica, o “Babelio”, da autoría de Xaquín Chaves. Non faltará á entrega Valentín García da SXPL.
No caso de Eva Almazán, o xurado (integrado por Andrea F. Maneiro, Ana Luna Alonso, Ánxela Gracián, Beatriz Fariñas, Antón Palacio e Xulio Ríos) destacou a excelencia da obra, de aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salientou tamén a elegancia da tradución, por outra banda tan efectiva como a orixinal.
No caso de Xosé Antón Parada Fernández, destacou a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resaltou tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade.
NOVAS RELACIONADAS
- 2021: O carballés-muradán Alfonso Blanco Quintela gaña o "III Premio Realia de Tradución Literaria”.
- 2021: Manuel Gago fiou a historia do Camiño con Galicia na conferencia do Premio Plácido Castro.
- Xela Arias: poesía e tradución para o maio da Galería Mulleres de Muxía.
- 2019: Antía Veres recibíu o XVIII Premio Plácido Castro de Tradución en Corcubión.
- 2015: Un xaponesa e un ourensán recibiron en Corcubión o Premio Plácido Castro de Tradución.
- 2011: Fernando Moreiras emulou a Plácido Castro e levou o Premio de Tradución.