Corcubión dá o salto cara a unha administración sen papel


A vila de San Marcos vén de inaugurar a Sede Electrónica do Concello de Corcubión, que permitirá aos cidadáns realizar os seus trámites por internet. É o cuarto concello da zona en abrilas portas 24 horas tras Carnota, Cabana e Vimianzo, e aínda quedan outros 4 concellos por abrilas neste semestre.
Son imoprtantes pasos da administración municipal para estar cada vez máis próxima ao cidadán, de xeito que o Concello está a disposición de calquera cidadán do mundo, calquera día do ano e a calquera hora. A implantación da Administración Electrónica na xestión municipal supón unha nova forma de relación entre a Administración e os cidadáns, xa que abre a posibilidade de relacionarse por internet con plenas garantías legais, de confidencialidade, seguridade e sinxeleza.
Mediante a súa identificación con DNI ou certificado electrónico, o usuario poderá dispor dunha serie de servizos personalizados: consultar o estado dun trámite, obter o seu volante de empadroamento, consultar os seus expedientes, representar a outra persoa na presentación de instancias, realizar unha serie de trámites telemáticos regulados e presentar calquera outra instancia ou solicitude a través do rexistro electrónico.
Corcubión cumpre así plenamente a Lei 11/2007 de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que establece o "dereito dos cidadáns a relacionarse coas Administracións públicas por medios electrónicos" e "a obrigación das Administracións Públicas de redeseñar os seus procedementos e dotarse dos medios técnicos necesarios para que o exercicio do novo dereito sexa plenamente efectivo".
Máis información
Novas relacionadas
- Carnota tamén abre as portas 24h ao día coa Sede Electrónica.
- O Concello de Cabana abre as súas portais 24 horas coa sede electrónica.
- Vimianzo é o primeiro concello da Costa da Morte en contar con sede electrónica.
- Ponteceso será o 4º Concello da provincia con Sede Electrónica.
- 12-07-12: 8 Concello da Costa da Morte terán Sede Electrónica.
Fonte
- Deputación.