Corcubión párase a soñar o futuro dos seus montes

Vén de lonxe a experiencia forestal vival arredor do Monte Cambeiro. Unha finca municipal, que a sociedade corcubionesa está devolvendo ás orixes, recuperándoa con especies autóctonas e reconvertíndoa no lugar de lecer que sempre foron os nosos montes. O ano pasado desenvolveuse o fermoso proxecto Terra Creativa, e para darlle continuidade, a a Asociación Boca de Sapo en colaboración co Concello formula un novo curso de accións ecosociais.
Así, este venres 26 de setembro celebrarase no Círculo de Comunidade do Monte Cambeiro de Amarelle (Corcubión) unha xornada-obradoiro de prospectiva comunitaria para imaxinar colectivamente o futuro dos montes.
Compre lembrar que o Concello de Corcubión foi declarado concello libre de eucaliptos no 2017, a partir dunha moción cidadá presentada no Pleno a proposta da Asociación Boca de Sapo.
A actividade deste venres, aberta á veciñanza que queira participar, está organizada polo Laboratorio Ecosocial da Barbanza en Baroña e coordinada pola Fundación Montescola, responsable tamén do deseño da súa metodoloxía.
A xornada terá un enfoque participativo para que as persoas asistentes poidan imaxinar como desexarían que fosen os montes dentro de 30 anos e contribuír á elaboración dun Plan de Acción Comunitaria que identifique os pasos necesarios para acadar esa visión.
Esta metodoloxía xa foi posta en práctica nos últimos meses con distintas comunidades de montes veciñais e de man común, como as de Rianxo e Lousame. No caso de Corcubión ensaiarase xunto aos distintos axentes que teñen ido constituíndose en comunidades temporais ao redor dos montes de Cambeiro e San Andrés, montes ambos de titularidade municipal e en custodia da Asociación Boca de Sapo.
Xa falamos do monte Cambeiro. No caso do monte San Andrés, 16 hectáreas, a súa deseucaliptización ten acontecido recentemente e agora estase xustamente abordando o seu proceso de rexeneración. Este monte está en réxime de convenio con xestión delegada á Xunta de Galicia, a través da Xefatura Provincial de Montes da Provincia da Coruña e o Distrito Forestal de Vimianzo, ámbito administrativo ao que pertencen os montes do Concello de Corcubión.
A sesión dará comezo ás 17:00 h e require inscrición previa a través do correo info@montescola.org
O Laboratorio facilita acceso, baixo descarga libre, á guía da metodoloxía que se levará a cabo na sesión: «Guía de facilitación para imaginar los montes vecinales del futuro».