Corcubión arma o seu novo Circuito do Teatro Afeccionado
Desde o ano 2021 "Farándula Velutina", o grupo de teatro afeccionado máis sólido de Corcubión (da contorna) constituído por un grupo de persoas con similares inquedanzas artísticas, forma parte de Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA). Unha rede, un paraugas fundamental para grupos de afeccionados á escena de todo o país, que este ano desembarca na vila de San Marcos. As xentes de Farándula queren impulsar o traballo de grupo semellantes e para iso únese ao Circuito de Teatro Galego Afeccionado que impulsa a FEGATEA, e da man do Concello prepara un programa para os vindeiros meses de outubro e novembro. Serán catro pezas de teatro que poderán disfrutarse os próximos meses na vila de San Marcos.
Como primeiro prato, o circuito abrirá co grupo de teatro de Pontedeume DameCuerdaQueTeatro. A cita será na Casa de Cultura Plácido Castro de Corcubión o domingo 8 de outubro ás 20h. A obra da que poderemos desfrutar, dirixida a público adulto, será “Vaia Idiotas” Neste caso trátase dunha comedia cuxos ingredientes van desde convidar a descoñecidos para rirse deles, ou maquetas e calmantes, editoras literarias e inspectores de facenda cruzadas con chamadas de teléfono e partidos futbol.
As próximas citas ás que debemos estar atentas serán o 28 de outubro ás 12 con “Mouras” para todos os públicos que se representará na rúa no Campo da Igresia da man de Lohengrin Teatro. O 11 de novembro ás 20h na Casa de Cultura contaremos con “Un vals para Cincinatti” de Teatro do Ar dirixido a público adulto e xuvenil.
ESTREA NA CASA
Por último e para pechar o circuito, poderemos contar con “O Agasallo” da man do noso grupo de teatro afeccionado de Corcubión Farándula Velutina. Será o 26 de novembro na Casa da Cultura ás 20h especialmente dirixido á mocidade e persoas adultas.