Drok (BNG Corcubión): "Dar este paso adiante non é máis que a evolución dunha persoa que sempre estivo implicada co pobo, pero sigo sen acostumarme a ver a miña imaxe por todos lados"

- Como te decidiches a dar este paso adiante?
Iso foi complicado e sinxelo ó tempo. Dar un paso adiante supón que a túa cara estea por todas partes, deixas de ser un máis, entregarte ao pobo… iso é complicado. Pero ó mesmo tempo foi sinxelo porque sempre estiven implicado en facer un Corcubión mellor, porque a familia apoioume a tope e porque no BNG hai un equipo tremendo que me facilita o traballo.
De tódolos xeitos, se o ves dun xeito natural, non deixa de ser un paso máis, unha evolución para unha persoa que sempre estivo implicada co pobo, pero sigo sen acostumarme a ver a miña imaxe por todos lados nos carteis.
- Veste facendo historia moitos anos como alcalde?
Non sei, depende do apoio que se teña. Teño boas sensacións e confianza nun proxecto a longo prazo. A historia facémola todas e todos, tódolos días. Cada quen aporta o seu gran de area para que Corcubión, que é a nosa casa, sexa mellor. Dende un Concello co BNG ao frente tamén faremos historia dando servizos e respondendo ás necesidades da xente. O alcalde é un máis dun equipo que inclúe ó goberno local ós traballadores e traballadoras municipais.
- Que valoración fas desta lexislatura
Antes de pasar a responder as preguntas, gustaríame agradecervos o traballo que estades a facer ó longo de todos estes anos. A Costa non se concibe hoxe en día sen vos, sen o traballo dos medios coma QPC que estades a crear tódolos días conciencia de territorio, informando e poñendo á xente ó día do que pasa en cada recuncho da Costa. Moitas Grazas.
En relación á valoración da lexislatura, a candidatura do BNG teno moi claro. Parálise ou resignación describen perfectamente o que estivemos a vivir nestes anos. Só hai inercia mantendo servizos e infraestructuras que veñen xa da época do BNG e a creación a duras penas doutros servizos como pode ser o de madrugadores que foi unha iniciativa social da ANPA Álen do CEIP Praia de Quenxe. Pero alégrome que se creara o servizo de madrugadores, o noso colexio ten que dispor dos mellores servizos para ser competitivo, para o BNG o colexio e fundamental para crear vida en Corcubión e fixar poboación.
É certo que a lexislatura foi dura debido á pandemia e que os Concellos afrontaron retos para os que non estaban preparados, pero aí estivo sempre o BNG ofrecendo apoio e alternativas.
Con todo, nós cremos nun Corcubión grande e cremos que esta lexislatura estivo marcada pola resignación e polas escusas para non afrontar todas as medidas que mellorarían a vida da xente. Pódese facer máis.
- Que cousas fundamentais quedaron por facer?
En primeiro lugar, hai que ter claro unha idea, un modelo de territorio no que queremos vivir hoxe e no futuro. Coa resignación e a inercia como xeitos de actuar, non se avanza a bo ritmo, non hai iniciativas que respondan ben ás necesidades da poboación. Efectivamente, o primeiro é o modelo.
Se non hai modelo, entón pouco se pode facer para responder a elementos fundamentais como son a reactivación económica a prestación de servizos de benestar, o urbanismo ou o turismo. No BNG temos exemplos de modelos de concellos que funcionan e son exemplos, e cara aí queremos ir.
O caso do Centro de Día, construido e sen abrir dende hai 9 anos, é un exemplo deste conformismo. Por un lado hai pouca contundencia dende a alcaldía para demandar que se abra este servizo estragando unha inversión de 400.000€, e por outro lado está á Xunta do PP a que lle sae máis barato non asumir as súas responsabilidades e que cada familia faga o que poida nas súas casas para atender ás persoas dependentes. A situación do Centro de Día de Corcubión é un escándalo que ten responsables como Feijóo, Rueda ou a actual Conselleira de Política Social. O BNG loitará polo Centro de Día.
Outro exemplo sería a política de promoción económica e emprego local. Non hai actividade alén dos obradoiros de emprego financiados pola Xunta ou o PEL da Deputación. Así non se dinamiza economicamente o territorio, e sen dinamización non hai nin asentamento nin atracción de poboación. Sen dinamización económica non hai futuro.
De tódolos xeitos non podemos esquecer outros temas para a imaxe da vila como o mantemento diario dos equipamentos urbanos que xa reflectimos nas nosas redes e nas visitas que fixemos polo Concello e que contribúen ao feismo (pintadas, mobiliario estragado...).
A suposta reforma da Praza Castelao que como centralidade da vila non mereceu nin o máis mínimo proceso participativo e de debate para testar a opinión da cidadanía; a pobre programación cultural propia (día das letras galegas por exemplo); a pouca comunicación coas empresas e coas entidades asociativas; o saneamento e verquidos na ría… e podería seguir…
- Cales son as novidades e fortaleza
Como novidades podo empezar falando do propio candidato, que é a primeira vez que me presento como cabeza de lista. É un orgullo e a vez unha responsabilidade, pero pouco a pouco voume aclimatando. Pero este candidato non é nada sen un equipo. Temos un equipazo comprometido, cun modelo de Concello e de territorio ben claro baseado no benestar, na calidade de vida e no emprego. Queremos que Corcubión volva a ser referente porque Corcubión é a nosa casa.
Como puntos fortes eu diríache que queremos unha implicación absoluta cos movementos asociativos, e incluso che diría que faremos que o Concello sexa o motor da sociedade. Debemos traballar en rede , responder ás necesidades das persoas. Ademais tamén temos unha combinación axeitada de mocidade e madurez, con persoas punteiras e de referencia nas súas respectivas profesións e de ampla implicación na vida social de Corcubión. As persoas que integramos á nosa lista son ben coñecidas en Corcubión, onde todos e todas xogamos un papel importante. É un luxo romper a cabeza con este grupo para deseñar medidas de futuro para Corcubión.
- Cal é o voso proxecto para Corcubión?
O proxecto céntrase en que Corcubión sexa un Concello atractivo. Atractivo para a xente que residimos aquí, creando emprego de calidade, ofrecendo máis servizos de benestar e medidas que melloren a calidade de vida e a calidade da vila. Isto supón facer un esforzo en múltiples direccións, xa que apoiando a creación de emprego estaremos, ó tempo, atraendo poboación para que fagan connosco o seu proxecto de vida. Mellorando os servizos de benestar contribuímos tamén a crear emprego de calidade e melloramos a calidade de vida da nosa poboación.
O noso modelo non é un Concello sen xente e sen movemento gran parte do ano. O futuro de Corcubión non pasa por aí. Pasa por un Concello atractivo, con oportunidades para o desenvolvemento de sectores económicos como é o caso do turismo de calidade e para todo o ano, aproveitando os recursos do noso territorio, aproveitando a fermosura da nosa vila e do noso casco histórico. Hai potencial e cremos que podemos aproveitalo mellor.
Trátase de crear un Concello atractivo no que a xente queira vivir porque hai servizos, porque xera economía e crea postos de traballo para asentar poboación.
Queremos mellorar a oferta cultural e deportiva, un urbanismo ó servizo da xente, traballar en rede cos movementos asociativos…
- Ides apostar pola radiONeria?
Abofé. Imos apostar polo territorio. Imos apostar polos medios de comunicación que estades a crear territorio tódolos días, que contribuídes a crear identidade. Imos apostar por tódalas asociacións que traballan no territorio tódolos días, respondendo ás necesidades da xente. A nosa idea é traballar en conxunto, para mellorar a vida da xente.
Iso inclúe unha firme aposta por Radio Neria como emisora municipal, que ten unha potencialidade enorme dende múltiples puntos de vista como emisora pública. É un alto falante para a sociedade e para promoción do comercio. Imos apostar por traballar coa rapazada da escola na radio. Imos apostar por darlle voz ós movementos asociativos, á vida cotiá, ó pluralismo. Imos apostar pola cultura.
Radio Neria é unha ferramenta utilísima para abrir as portas do Concello á vecindade. Radio Neria é un exemplo de que temos un territorio con recursos que non son aproveitados. Non podemos pensar en pequeno, e un medio de comunicación público, unha escola da que saleu xente preparada e que hoxe adícase profesionalmente á radio e ao periodismo.
O debate deradiONeria é unha ledicia que se fixera o debate electoral despois de tanto tempo oa radio baixo minimos. Que se poida seguir a campaña dende a radiONeria é algo moi positivo e que agrada a toda a veciñanza de Corcubión.
- E xa que falas de debate, despois dunha campaña bastante limpa, o debate da Radio Nordés acabou empañado por unhas crúas frases do candidato socialista que se retrotraía 3 anos atrás e nas que directamente te acusaba de "traer o COVID dende Madrid"... Que te parece?
A verdade é que aínda estou descolocado. Por suposto que non trouxen o COVID de Madrid. É unha magoa que se volvan ás descalificacións persoais porque non beneficia en nadaáa convivencia na campaña e na propia cidadanía corcubionesa. Lamento que se vaia por ese camiño pero prefiro non darlle máis voltas.