venres. 07.02.2025
El tiempo

O Fisterra-Muxía espállase en Londres como referente de turismo sostible, cultural e espiritual

Deputacion en Londres 3
O alcalde de Corcubión, Javier Domínguez, á dereita, coa expedición provincial
O Fisterra-Muxía espállase en Londres como referente de turismo sostible, cultural e espiritual

Unha delegación da Deputación da Coruña está no Reino Unido promocionando o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía no Reino Unido. A delegación encabezada polo deputado responsable do Camiño, Antonio Leira, e o alcalde de Corcubión, Javier Domínguez, en representación da asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, acudiu esta semana a Londres para levar a cabo unha axenda de reunións clave na promoción dos camiños coruñeses.
O ente provincial pretende consolidar os camiños como referentes internacionais de turismo sostible, cultural e espiritual. 

O pasado sábado, a delegación coruñesa presentou ambas as dúas variantes ante máis de 100 membros da Confraternity of St. James, unha entidade fundada no 1983 coa vocación de promover a peregrinación a Compostela. 
Mentres, o luns a axenda arrincou cun encontro na Embaixada de España en Londres, onde os representantes coruñeses mantiveron unha reunión co embaixador de España no Reino Unido, José Pascual Marco, o ministro conselleiro de Asuntos Culturais e Científicos, e Jonathan Ruffer, fundador de The Auckland Project, unha destacada iniciativa cultural do noroeste de Inglaterra. 

A delegación mantivo tamén un encontro co viceconselleiro de Turismo no Reino Unido, Pedro Medina, e a xefa de Turismo de Turespaña no país, María Hernández. Nesa mesa de traballo, profundizáronse nas estratexias de promoción do Camiño no mercado británico para fortalecer a posición do Camiño no mercado turístico internacional.

Ademais, a delegación estendeu á Embaixada e á Consellería de Turismo unha invitación para participar na peregrinación simbólica organizada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Confraternity of St. James, prevista para o mes de maio. Este evento exercerá de marco para a inauguración da nova sinalización do tramo xacobeo entre Reading e Southampton, coa fin de consolidar o vínculo cultural e espiritual entre Galicia e o Reino Unido.

Máis novas

 

Comentarios