A fabada galaica de Coristanco e o chef vimiancés Fabián Mouzo triunfan no Madrid Fusion
- Os showcookings do stand da Deputación nesta segunda xornada da cita gastronómica estiveron protagonizados polo vimiancés Fabián Mouzo, de “O Camiño Fala” (Mazaricos).
- Ademais, Lucía e Jose, de A Despensa d´Lujo (Carballo), ofreceron unha degustación dun dos seus produtos máis representativos: fabada galaica con broa de millo corvo de Coristanco.

Non para a rede gastronómica da Deputación, e despois de Fitur xa quedaron na capital estatal para participar no Madrid Fusion. A segunda xornada, celebrada o martes, tivo un protagonismo importante da Costa da Morte, de mostrando que a campaña "A Provincia que sabe" ´é real.
Entre todas as actividades que se desenvolveron durante a xornada no posto provincial, as que alcanzaron unha maior afluencia foron os showcookings do cociñeiro Fabián Mouzo (O Camiño Fala, Mazaricos) e dos produtores de A Despensa d´Lujo (Carballo).
O vimiancés Fabián Mouzo presentou ‘O Camiño Fala’, de Mazaricos, acompañado da copropietaria Lara Alvarellos (Muxía), que amosaron este novo proxecto, “moi persoal”, que abrirá en abril e ofrecerá servizo de restauración e aloxamento. Ao mesmo tempo, Fabián cociñou en directo, ante máis de medio de centenar de asistentes que facían colas atraídos polo olor dos seus pratos, os seus representativos callos con garavanzos “de Carnés”. Tamén elaborou unha receita “cun guiño a Madrid”: escuma de ovo fritido, ourizos de mar e ‘torrezno’ de porco celta. O cociñeiro vimiancés captou a atención de todo o público cando amosou os ourizos e lles ensinou como se abrían e se cociñaban.

Ao rematar de servir as últimas racións de callos, Fabián e Lara deron paso a Jose e Lucía, de A Despensa d’Lujo. Lucía foi a encargada de destacar a importancia de apostar pola produción local, rexenerativa e sustentable: “Sen produtos non hai pratos nin gastronomía”, sinalou. Mostra diso foi a receita que degustou o público de Madrid Fusión: fabada galaica con broa de millo corvo de Coristanco. Ademais de explicarlles que é a ‘broa’, Lucía apuntou que é ademais “o mellor exemplo de economía circular”, xa que está elaborada co millo que se utiliza para que trepen as fabas. A Despensa d`Lujo non so ofreceu unha proba da súa excelente materia prima, que subministra aos mellores restaurantes do mundo, senón que tamén falou da importancia de manter a tradición e a autenticidade, do coidado do territorio e de promover iniciativas no rural.

Estas dúas presentacións “representan á perfección a nosa estratexia” sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira. “Son o mellor exemplo de proxectos que fan marca país, capaces de atraer a atención e as miradas internacionais dende o maior respecto e compromiso co territorio, contribuíndo á súa mellora socioeconómica e, por suposto, medioambiental”.

