A historia da activista trans Trini Falcés protagoniza a presentación literaria mensual da Biblioteca de Corcubión

A cita mensual cos llibros da Biblioteca Municipal de Corcubión xa ten data e protagonista para este mes de xaneiro. O vindeiro venres 31 de xaneiro ás 19h, celebrarán a presentación do libro “Relembrando a Trini”, unha obra que trae ademais unha exposición (visitable ata o 14 de febreiro) en homenaxe Trini Falcés, coruñesa falecida hai 3 anos, loitadora polos dereitos das persoas trans cando saír ás rúas para defender os dereitos humanos era o camiño máis directo á tortura e o encarceramento.
A comisaria do proxecto Sergio Marey (Pol – Lugo,1997) farase cargo da presentación do libro xunto a Fito Ferreiro, membro da Asociación Palestra e que acompañou a Trini nos últimos meses da súa vida. O libro está dividido segundo as etapas da vida da protagonista percorrendo a infancía, as vivencias na mili, ámbitos que frecuentou como a prostitución e o activismo, etc. Trátase dun
percorrido cronolóxico acompañado das fotografías da súa historia de vida e da súa imaxe como activista.
A coruñesa Trindade Falcés, falecida en 2022 aos 80 anos, estivo presa nun campo de concentración pola súa realidade de persoa queer, e en 1977 encabezou a primeira marcha LGTBIQA+ que se organizou en España, concretamente en Barcelona, a cidade onde Trini residiu durante 30 anos. Ao fronte desa marcha estaban prostitutas e persoas trans. Trini foi unha delas. Cando lles preguntaron por que o facían, responderon: “Total, nós xa estamos mortas”.
A continuación da presentación do libro e acompañadas pola comisaria, entrarase no detalle dos elementos que compoñen a mostra. En palabras da comisaria: “Veremos un moble que se poderá rodear, que estará cheo de obxectos que pertenceron a Trini e que definen a súa vida: o traxe que luciu nunha homenaxe que se lle fixo, documentoscomo entrevistas cando era prostituta ou cando estivo presa, o certificado do seu ingreso en prisión ou a bixutería que lle gustaba poñer. Son obxectos que nos permiten construír a Trini, a súa imaxe e o que significou tanto no activismo como na súa vida privada”.
Este proxecto ven apoiado pola Deputación da Coruña e desde a colaboración co Concello de Corcubión.