Corcubión sabe a libros

Finde literaria a vivida esta fin de semana en Corcubión.
O venres, no ciclo mensual da Biblioteca Municipal de Corcubión, a autora local Marina Gomez Pose presenta o seu libro A Muller de ollos mouros e intensos. Non se cabía na biblio corcubionesa para escoitar á mestra de lingua e literatura castelá no IES Fernando Blanco de Cee, e codirectora o grupo escolar “Tuejele teatro” e a “Compañía Farándula Velutina de Corcubión”.
Marina estivo precisamente acompañada do seu compañeiro tanto na docencia como na arte, Fernando Castro Paredes, ademais de Gómez, doutora en socioloxía pola UDC.
Despois de debullar a novela, que rescata os tempos do Prestige para contar a historia de varias mulleres de diferentes xeracións, Marina cansouse de asinar libros aos seus veciños.
Don Emerito volveu a Corcubión
Don Emerito, malia ser unha lenda de Fisterra, naceu en Corcubión. De aí a necesidade de facer a visita que Modesto Fraga realizou este sábado co terceiro volume da Biblioteca da Fisterranía. O fisterrán, acompañado polo axitador socio-cultural Luís Corral, relatou a historia deste polífacético autor, e a súa vinculación coa vila de San Marcos, tamén coa axuda de Rafael Mouzo, tamén presente como na presentación realizada no Bela Fisterra.
Lembrouse, a importancia das numerosas iniciativas culturais emprendidas por Desiderio Paz Figueroa nas primeiras décadas do século XX, como a posta en marcha dunha banda de música, un grupo de teatro, unha rondalla ou varios coros relixiosos na comarca. A súa compañeira de vida, dona Jesusa Lago Estévez, foi tamén recordada no transcurso da presentación, pois non se entendería a figura de don Emerito sen o constante apoio e xenerosidade da musa que inspirou boa parte das súas creacións.
Do seu labor como poeta, como orfebre de palabra, puidemos recuperar para as xeracións do presente e do futuro un bo feixe de lúcidos poemas, tanto inéditos como os que foi dando á luz en publicacións periódicas da época, como a revista Nerio, Alborada ou Finisterre. No libro están recollidas as súas composicións en verso, tanto as relixiosas como as populares e divertidas cancións de entroido. Unha alfaia de saber popular.
Coa publicación do volume "Don Emerito" de Desiderio Paz Figueroa (1884-1968), a Biblioteca da Fisterranía recupera a obra dos tres principais referentes da creación literaria fisterrá da primeira metade dos século XX.
O primeiro autor recuperado pola Biblioteca da Fisterranía foi o tamén médico e historiador local Francisco Esmorís Recamán (1893-1968), coa edición da totalidade da súa obra, ao que seguíu a "Obra en prosa. Vol 1" de Ramón Marcote (1880-1955), ilustre bibliotecario do Centro Galego da Habana e un dos principais defensores da tese do Colón galego, que en breve dará moito que falar por mor dos resultados do ADN impulsados pola Universidade de Granada e varios expertos internacionais.
O seguinte autor que vai ser recuperado pola BdF é o poeta José Traba Lorenzo, coñecido na localidade como o "Capitán Traba", autor de varios poemas inéditos a Fisterra considerados himnos pola súa beleza e profundidade lírica. Está previsto que o volume saia á luz na primavera do vindeiro ano coincidindo co centenario do seu nacemento.

Máis novas