O ISM comunica que só habilitará de maneira provisional o servizo médico de Corcubión

O secretario comarcal da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, denuncia que unha vez máis "o PSOE desmantela servizos que se prestan aos mariñeiros e ás mariñeiras, mentres que o PP dende a Xunta non realiza ningunha xestión para esixir o traspaso das competencias do ISM e por conseguinte da sanidade marítima que tan necesaria é para os traballadores e traballadoras do mar". A este respecto, Camiño lembra que a última reestruturación do Instituto Social da Mariña foi executa polo goberno socialista no ano 2009 e supuxo o peche das oficinas de Laxe e Muxía e tamén se prevía o peche da oficina de Fisterra.
A falta de actividade na oficina de Corcubión provoca que os/as máis de 1400 traballadores/as do mar dos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica se teñan que desprazar á Coruña para facer os recoñecementos previos obrigatorios para poder embarcar, coa conseguinte perda de tempo, gasto económico e saturación do ISM da Coruña que isto conleva.