Venres. 19.04.2024
El tiempo

ENCONTROS DE FILOSOFÍA PARA VERANEANTES

Miguel Vázquez Freire e María Bella reflexionan sobre como “achegar a filosofía á xente"

Miguel Vazquez Freire e Maria Bella acompanan a Rosa Arcos e Carme Adan no primeiro encontro
Miguel Vázquez Freire e María Bella acompañan a Rosa Arcos e Carme Adan na palestra do primeiro encontro
Miguel Vázquez Freire e María Bella reflexionan sobre como “achegar a filosofía á xente"

A cuarta edición de Filosofía para veraneantes IV desenvolveuse entre os días 29 de xullo e 9 de agosto de 2019, na capela do Pilar de Corcubión, organizada por María Bella e Miguel Vázquez en colaboración coa Universidade Cromática das Virtudes.

Un ciclo que pon á vila de San Marcos no epicentro galego do pensamento, e na vangarda da visibilización da muller no terreo da filosofía. Foron 9 as mulleres que coparon a palestra destas xornadas que ateigaron o singular auditorio corcubionés.

Falamos cos armadanzadas da iniciativa, Miguel Vázquez Freire e María Bella:

  • QPC: Con que te quedas desta edición? Que te chama a atención respecto das outras?

- MVF: Obviamente o que máis chama a atención de primeiras é a presenza exclusiva de mulleres nos paneis; mais coma disto xa falaremos no último punto, vou dirixir a atención a outro aspecto seguramente menos visible exteriormente. Desde o inicio houbo en Filosofía para Veraneantes unha intención consciente de facer dialogar á filosofía con, digámolo así, a “xente do común”, con calquera persoa, en definitiva, disposta a pensar cunha mínima pretensión de rigor. Lonxe, logo, dos espazos académicos para expertos onde é difícil que eses “calquera” se atrevan a tomar a palabra. A novidade nesta edición é que situamos en pé de igualdade, en case todos os paneis, a persoas con sólida formación e traxectoria filosóficas con outras alleas ao ámbito específico da filosofía. Unha sindicalista falou cunha catedrática de filosofía, unha youtuber cunha xove licenciada en filosofía. Tamén a profesora de Filosofía, que foi a única relatora que falou en solitario, fixo un esforzo por ofrecer un discurso accesible a un público amplo. Mesmo en dous paneis convidouse a persoas sen formación académica especializada en filosofía a reflexionar filosoficamente (entendido isto dun xeito moi libre) desde a súa propia experiencia: como crentes cristiás e feministas nun caso, como creadoras artísticas noutro. Sei que con isto corremos o risco de que alguén interprete que dese xeito se favorece certa “devaluación” do filosófico. Nós, ao contrario, entendemos que só mediante esta “contaminación”, por así dicir, a filosofía pode aspirar a cumprir o seu proxecto ilustrado. Só saíndo dos ámbitos estreitos da academia, e das xergas técnicas dos académicos, a filosofía poderá espallar o seu pulo emancipador.

 

- MB: Quédome con apreciacións similares ás que nos comparte Miguel. Desde logo foi fundamental o xesto de posibilitar un espazo e un tempo no que convidamos, sobre todo ás mulleres, a poder dicir desde nosoutras mesmas. Isto foi algo que quixen repetir ao comezo de cada unha das sesións para lembrarnos a importancia de que iso nos pase e de nos facer cargo do que acontece a partir destes procesos para irmos elaborándoos. Queda moito por andar e é bo que pescudemos os formatos, os saberes, os contextos... Quédome tamén coa capacidade de transformación que se ten propiciado durante estes catro anos que levamos de traxecto nestes encontros. No comezo, as voces reflexivas que sostiñan os discursos filosóficos proviñan dun círculo moi próximo de persoas que de algún xeito xa estaban traballando xuntas de antemán. Co tempo, o círculo foise abrindo á par que se indagaba tamén sobre as maneiras de “achegar a filosofía á xente”. Fixéronse pequenas modificacións que foron producindo cambios: De comezar con relatorios individuais pasouse a probar diálogos entre relatores e a introducir interlocutores expertos noutras disciplinas diferentes á filosofía sen perder o horizonte reflexivo que caracteriza a esta... Na última edición, incrementamos eses xestos aperturistas, o que valoramos positivamente. Logramos traballar máis en rede e de maneira situada con e cara o territorio, propiciando a implicación e colaboración de varias asociacións feministas, como as Buseranas e as Curandeiras, ou medioambientalistas como Boca de Sapo. Tamén, tratamos de ensanchar esa tarefa de mediación necesaria para que a filosofía se comprenda como ferramenta útil para elaborar o que nos sucede e non como algo alleo e pouco entendible que non nos atinxe, unha posta en relación atravesada por múltiples saberes, tanto teóricos e académicos como prácticos e experienciais. Se cadra este sexa, como apuntaba Miguel, un dos retos máis complexos ao que nos expoñemos nestes encontros.

 
  • QPC: Díxose nos encontros que ao parecer a Filosofía se está volvendo a valorar por parte do alumnado. Hai un novo aprecio de cara á Filosofía? Puido observarse isto nos encontros?

- MVF: Hai, en efecto, certo tempo en que se está a observar que, fronte ao éxito dos saberes científico – técnicos e a imposición da especialización, vaise estendendo paseniño unha reacción a favor dun pensar máis xeral, dunha procura de sentido que a técnica por si soa non proporciona, dunha reflexión axiolóxica (ético-moral, política, estética) que o estritamente científico non contempla. Ese é o espazo da filosofía. Os intentos de redución, e case eliminación nalgún momento, das disciplinas filosóficas no bacharelato atoparon unha resposta no profesorado que saltou ao debate na opinión pública cun evidente éxito, incluído un significado incremento do alumnado matriculado nas Facultades de Filosofía. No tocante á Filosofía para Veraneantes, eu diría que a súa mera existencia, tanto nesta como nas anteriores edicións, forma parte dese movemento de nova reivindicación do saber filosófico.

 

- MB: Coido que unha xeración como a miña, á que agora nos toca responsabilizármonos da educación das nosas fillas e fillos, recibimos moi poucas nocións de filosofía por parte das institucións educativas e non aprendemos a incorporala na nosa cotianeidade e xa que logo aínda a ollamos con certa estrañeza. Creo que isto está cambiando a certos niveis. A filosofía fíxose máis divulgativa, como pasou no seu momento coa ciencia, e hai filósofos que mesmo mobilizan o interese da mocidade de forma masiva nas redes. Nos encontros de filosofía deste ano, o día que se dedicou a pensar a política, por exemplo, houbo participación reiterada de público mozo. A min este detalle pareceume como un quererse implicar dos mozos no labor de se pensaren en relación e en compromiso cos e coas outras.

 
  • QPC: Cales son as dificultades máis significativas á hora de sacar adiante unha iniciativa deste tipo (conceptuais, técnicas, de xestión, doutro tipo…)?

- MVF: A principal sen dúbida é a absoluta precariedade económica. Téñase en conta que Filosofía para Veraneantes non conta con ningún orzamento, só o entusiasmo dos organizadores (os “cromáticos”) e a xenerosidade absoluta dos relatores e relatoras. Fóra da cesión do espazo (a capela do Pilar) e unha mínima axuda para cartaces por parte do concello de Corcubión, todo é gratuíto, custos cero.

 

- MB: Claramente os recursos cos que contamos son a maior dificultade. Nos encontros todos os implicados fan un gran esforzo para poñeren a disposición o seu tempo e os seus saberes e, mesmo, as veces, ata a súa propia economía, como para se desprazaren ata Corcubión se veñen de fóra. Creo que contamos cun espazo, a Capela do Pilar, que engaiola a todo o que pasa por alí. Funciona moi ben porque ten carácter e o tamaño é moi abordable. Con todo, malia o seu potencial, é un espazo que está moi descoidado, que precisa certa mellora tanto no seu acondicionamento (a acústica é moi precaria) como no mantemento. Coido que desde as políticas públicas municipais cómpre tomar en serio o lema que promove a Deputación provincial: “a cultura como dereito” da cidadanía, o cal require dun compromiso e duns medios.

 
  • QPC: Dedicar todo o encontro en feminino, que supuxo?, que observacións poden tirarse desta experiencia?

- MVF: A idea naceu como reacción á observación efectuada polos propios asistentes nas edicións precedentes, que nos fixeron caer na conta de que a presenza de relatoras estaba a ser mínima. Dado que o movemento feminista ten producido nos últimos anos algunhas das tendencias máis anovadoras no pensar filosófico, pensamos que a imprescindible presenza de voces de mulleres ben podía vir acompañada do discurso feminista como eixo tamén, se non de todos, da maioría dos relatorios. E de aí o paso a convocar en exclusiva relatoras femininas. A experiencia resultante sen dúbida pode ser merecente de avaliacións varias mais eu quero quedarme con unha que nos devolve ao dito en resposta á primeira cuestión: a apertura a unha fala renovada, especialmente “fresca”, permítaseme o adxectivo, que significou de paso o acceso a un público ampliado respecto do habitual en anos anteriores. Así, por exemplo, o principio de colaboración co movemento asociativo de mulleres da bisbarra, cuxa presenza e participación agradecemos moito e confiamos en que teña continuidade nun futuro.

 

- MB: Eu penso que esta edición en feminino ás mulleres reafírmanos nese labor complexo de facérmonos presentes nos espazos onde non temos estado, tamén, coma neste caso, no da construción de coñecemento e o da reflexión. De cara a eles, os homes, que nesta edición tiveron que desempeñar un traballo de escoita cara nosoutras, creo que simbolicamente isto é moi potente e, máis aínda, eu diría que é un bo exercicio de apertura. Por outra banda, tamén querería sinalar, e déixoo aí como reto a indagar, que ás mulleres nos custa moito saírmonos das “formas de facer” herdadas polos nosos compañeiros; formas que foron elaboradas desde unha perspectiva claramente patriarcal. Aínda así, en todas as sesións, para min houbo momentos de esgazaduras con estas formas herdadas, esgazaduras de distinto tipo, pero en todo caso, claramente “formas de facer” desde outras perspectivas. Penso no convite a comezar a sesión de “E si deus fose muller” facendo circular entre a audiencia un bote de crema de mans co que se convidaba a compartir en público un xesto de coidado. Penso tamén na sesión de “Andar ao paso”, na inmersión poético-estética-discursiva que elaboraron as relatoras para compartirmos os procesos de transformación e de supervivencia da creatividade (en feminino) cando esta é atravesada polas realidades das maternidades. Penso tamén na capacidade de facer tribo e de empatizar con compañeiras cando se comparte algo. Penso na improvisación do baile e da canción. Penso que estas fortalezas tiveron lugar case como testemuños desas esgazaduras mais que, co tempo e se nolo permitimos, ben poderían chegar a constituír “outras formas de facer”.

NOVAS RELACIONADAS

Máis novas

Comentarios