As Mouras chegan á Corcubión no marco do Circuito de Teatro Afeccionado
Despois da manchea de risas e aplausos que levou o grupo de Pontedeume DameCuerdaQueTeatro coa obra “Vaia idiotas”, temos xa a segunda cita co teatro afeccionado en Corcubión. A obra “Mouras” do grupo Lohengrín Teatro achégase ata Corcubión dentro do Circuito Amador de FEGATEA. A cita será este sábado 28 ás 12h na Casa da Cultura de Corcubión (estaba previsto na praza da Igrexa pero hai previsión de chuvias).
”Mouras” é unha contada de lendas galega de tradición oral, un percorrido por distintas localizacións castresas onde a tradición, a historia, o folclore e a vida das mulleres mestúrase nun espectáculo máxico, co influxo das Mouras, Meigas e Nubeiros. Unha obra para tólolos públicos onde este é o motor das historias.
Lohengrín teatro fúndase en Vigo en 1989 por iniciativa dun grupo de 20 rapaces con inquedanzas artísticas. A agrupación distínguese por un teatro máis físico, xestual e social, buscando sempre novas maneiras de transmitir ao público sendo o seu obxectivo principal o teatro máis novo.
Máis citas
Farándula Velutina a través da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) perfilou un programa completo. A seguinte obra será 11 de novembro ás 20h na Casa de Cultura, con “Un vals para Cincinatti” de Teatro do Ar dirixido a público adulto e xuvenil.
E para pechar o circuito, poderase contar con “O Agasallo” da man do grupo de teatro afeccionado da casa, o organizador Farándula Velutina que porá o peche ao ciclo, o 26 de novembro na Casa da Cultura ás 20h, cunha obra dirixida á mocidade e persoas adultas.