Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O Nadal convértese en música en Corcubión

Andreina Muno e  Gemma Román-Foto-Victor Hugo
Andreina Muñoz e Gemma Román-Foto-Victor Hugo
O Nadal convértese en música en Corcubión

O pasado 23 de novembro Corcubión puido gozar dun emocionante recital de Nadal a cargo do dúo Vento Dolce. Unhas 120 persoas déronse cita na Casa da Cultura para escoitar "O misterio de Nadal". Un espectáculo especialmente deseñado para estas datas pola soprano manchega corcubionesa Gemma Román (recente gañadora dos Premios de Excelencia Musical Mans Futuro 2023) e a pianista venezolana Andreina Muñoz Meier. Ambos, xunto co maxestoso piano de cola que presidía a escena, deleitou ao público cun repertorio moi variado. Incluía pezas de compositores españois como Joaquín Nín, Eduard Toldrá, Joaquín Rodrigo, Cristobal Halffter, a “Allelluia” do Exultate Iubilate de Mozart, “The Lord Prayer” do estadounidense H. A. Malotte e tamén pezas galegas como "Canto de berce” de Marcial del Adalíd ou o marabilloso arranxo para voz e piano de Héctor E. Márquez da melodía popular galega “Arrolo de Domaio”, especialmente adaptado para a ocasión.

A emotiva expresividade e a afinación precisa de Gemma Román na interpretación de todas as cancións, especialmente as de carácter dolce e a solvencia de Andreina Muñoz ao piano, encheron de maxia un escenario que, tras a interpretación do "Cantique de Noel" de A. Adam, tamén contou coa colaboración especial da frautista Estela Blanco e do coro local Airiños de Quenxe na actuación final, para pechar o recital coa coñecida pero sempre emocionante "Noche de Paz". Mención especial para a nova integrante do coro, María, que como “anxo” alumeou a escena neste número final, moi aplaudido polo público asistente.

Andreina Muno e  Gemma Román-Foto-Victor Hugo 2
Andreina Muñoz e Gemma Román-Foto-Victor Hugo 

Agradécese moito que os responsables municipais da Costa da Morte aposten firmemente por este tipo de espectáculos que contribúan a achegar a música clásica ao gran público e tamén á correcta selección do repertorio por parte dos artistas, con pezas moi “asequibles”, a oídos de todos, ao que tamén contribuíu a proxección dixital de todas as letras das cancións interpretadas acompañadas de imaxes ilustrativas das mesmas.

Viva a música e Bo Nadal.

  • Artigo redactado por Miguel Blanco (Musicólogo).

Comentarios