O BNG de Corcubión critica a falta de iniciativa tralo primeiro ano de lexislatura
Hai un ano que se formaban os gobernos municipais tras unhas apretadas eleccións. Apenas 40 votos daban a alcaldía ao PSOE que leva un ano gobernando en clara minoría. En todo caso, despois de dúas agrias lexislaturas, parece que a relación entre o grupo de goberno e o principal grupo da oposición, o BNG, está sendo máis doce, como recoñecía o propio alcalde. Pero non todo son boas palabras.
Deste xeito, o grupo do BNG o que quere mandar unha valoración sobre o primeiro ano de lexislatura. Considera o BNG ter feito "unha oposición responsábel e dialogante, sin querer interferir negativamente na labor de goberno, no que se constata a falta de iniciativa e de proxecto político para o pobo por parte do goberno municipal".
"Política continuista"
"Un goberno cunha política continuísta caracterizada por unha pobre xestión do día a día", define o BNG. "Xestión que é incapaz de dar saída a temas administrativos básicos (pendente a día de hoxe dunha proposta de orzamento para o ano 2016) e totalmente insuficiente para dar un pulo a sectores que son fundamentais para o desenvolvemento económico de Corcubión", sinalan.
Critican tamén a "falta de iniciativa clara co resto das administracións para impulsar proxectos de desenvolvemento local", que provoca a "perda de subvencións, como é o da contratación dun posto de animador cultural, nun concello que carece de programación cultural estable durante o ano". Denuncian que tampouco se aproveitaron as liñas de crédito da Deputación (sen intereses e con periodos de carencia) para impulsar proxectos locais.
Lamentan o "desintérese pola falta de promoción do “Camiño”, e lembran que os maiores da vila seguen á espera da posta en marcha do esquecido Centro de Día.
Vinculan esta parálise á falta de creación de postos de traballo, unha das grandes carencias da vila de San Marcos.
En todo caso, o BNG, aseguran, "segue aberto a un acordo de goberno co grupo do PSOE no que situasemos en primeiro termo a Corcubión".
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).