O BNG de Corcubión solicitará nun pleno a dimisión dos concelleiros imputados
Repasabamos onte a listaxe de políticos imputados na Costa da Morte. E por Corcubión teñen triple causa, i é que tres dos catro membros do grupo de Goberno están imputados por diversas causas.
O que salta as alarmas é o BNG corcubionés que vén de solicitar un pleno extraordinario no que esixirá a dimisión do alcalde, Francisco Javier Lema, Chisco, e dos dous concelleiros imputados, o teniente Alcalde Lalo Insua e o concelleiro de Cultura José Louro Pais.
O alcalde está imputado na Operación Orquesta, por presunto delito contra a Administración pública, nas modalidades de tráfico de influencias, prevaricación e suborno. Tamén está José Louro País, pero polo Caso Maceiras, desta volta non polo seu traballo no Concello senón como empregado do Banco Pastor en Vimianzo. O último imputado, que coñecimos esta semana, é o teniente alcalde Lalo Insua, por aprobar a contía do abogado do alcalde no caso xudicial interposto polo electricista, e sobre o que o alcalde xa ten dito que “se o teniente alcalde ten algún problema”, dimitirá con el.
O BNG local entende que “a situación do noso Concello é insostible. Que tres dos catro membros do grupo de Goberno estean imputados por diversas causas, está a prexudicar gravemente a imaxe do municipio corcubionés, a xerar a desconfianza da veciñanza , e a comprometer a xestión cotiá do noso pobo”.
Así, considera que ”aínda respectando a presunción de inocencia no eido persoal, sempre practicou e defendeu a mesma liña con coherencia: a incompatibilidade entre imputación e representación institucional, garantindo así a máxima transparencia dos cargos públicos. Compre facer un exercicio de honestidade política para non deteriorar máis a Institución Municipal, e por respecto ás veciñas e veciños de Corcubión”, apuntan dende a oposición.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Corcubión.