Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Congreso MODELO reivindica novas Autopistas de comunicación

O Congreso MODELO reivindica novas Autopistas de comunicación

O Desenvolvemento en materia de novas tecnoloxías centrou a segunda sesión do I Congreso de Desenvolvemento MODELO - Marco de Oportunidades para o Desenvolvemento Local, celebrada esta pasada fin de semana en Corcubión. Dous días de poñencias sobre experiencias propias da nosa bisbarra e doutras zonas do país, co denominador común da loita contra o estacamento do rural galego e costeiro.

A necesidade de novas "autopistas da comunicación" centraron o debate. Pero desta volta as autopistas ao que se referiron os poñentes eran as dae banda ancha, non as de asfalto. Así o deixaron patente os membros da mesa "Comunicacións: As TIC no desenvolvemeto rural". Os socios da EGANET Manuel Pan, da empresa TIC carballesa Abertal e presidente da APTCM, Daniel Cerqueiro de Galinus e Alejandro Lamas, de Sixtema, centralizaron as reivindicacións costeiras nunha clara mellora das comunicacións pola rede.

O congreso foi clausurado por Xoán Manuel Sande Muñiz, presidente da Comisión de Benestar Social da Deputación da Coruña e contou coa presenza do alcalde de Corcubión Francisco Javier Lema Fuentes, José María Borja Pérez, Reitor da UDC, e a presidenta da asociación Afiprodel, Dona María Dolores Pena Pena. Antes os asistentes puideron disfrutar dun agradable paseo pola ría de Corcubión a bordo do Maria Elena, dos Cruceros Fisterra

Pero foron moitas as conclusións que sacaron os membros da organizadora Asociación Finisterrae de Axentes de Desenvolvemento Local. De feito, aquí vos deixamos coas conclusións do Congreso elaboradas por Ricardo García Mira, portavoz do comité científico e co-organizador, en representación da UDC, do congreso.

Conclusións do I Congreso de Desenvolvemento MODELO

O I Congreso de Desenvolvemento MODELO conclúe con éxito de público e de participación, destacando a alta cualificación das presentacións e das discusións que tiveron lugar ao longo de catro días nas localidades de Vimianzo e Corcubión.

En primeiro lugar, cumpre amosar o agradecemento a todas e a todos os relatores que acudiron a esta convocatoria de xeito totalmente altruísta, o que pon de manifesto un importante grao de compromiso e voluntarismo ao servizo do desenvolvemento local froito do traballo cooperativo de institucións, ADLs, empresas, entidades, profesionais, asociacións, etcétera.

En segundo lugar, cabe destacar algúns aspectos importantes, a modo de resumo e conclusións, destas sesións de discusión e participación:

  • Os e as ADLs teñen unha función moi importante na promoción e posta en marcha do desenvolvemento: cambiar os marcos mentais de referencia, introducindo novas claves de actuación e presentando os novos contextos sociais e económicos onde ten que desenvolverse a adaptación de iniciativas e proxectos ao mercado global. O seu papel como motivadores e concienciadores dos distintos actores é absolutamente necesaria.
  • Destaca a necesidade de manter unha rede estable entre as institucións e profesionais que interveñen no territorio. Esta rede permitiría optimizar mellor as estratexias de actuación.

Alternativas innovadoras

  • O congreso puxo de manifesto a existencia de alternativas innovadoras e viables diferentes do modelo económico produtivo actual. Os proxectos Slow-Food, Banca Ética, Axendas 21, Grupos de Consumo, Presupostos Participativos e outros presentados supoñen unha aposta firme por alternativas que promoven maior responsabilidade, reducen actitudes especulativas e, non menos importante, promoven a participación da cidadanía na toma de decisións, mellorando con elo a xestión dos cartos públicos e promovendo unha maior satisfacción e benestar.
  • A defensa e desenvolvemento dun territorio tamén inclúe a xestión responsable da paisaxe e do seu urbanismo.
  • As novas tecnoloxías son imprescindibles para promover o desenvolvemento e deben constituírse nas principias aliadas do medio rural. Neste senso, a súa defensa e o acceso á banda ancha, xunto coa formación neste ámbito, son aspectos prioritarios. E non só a formación, senón tamén a información. Neste senso, destaca a importancia dasnovas tecnoloxías en xeral, e dos sistemas de información xeográfica en particular, como ferramentas importantísimas de xestión da información sobre o territorio, de diagnóstico e de avaliación, necesarias para apoio na toma de decisións.
  • É necesario votar unha ollada retrospectiva e aprender da historia pasada. Unha aposta para saír da crise é a agricultura: a diversificación produtiva, a pluriactividade, o establecemento de canais curtos de comercialización e implementación de novas tecnoloxías no sector.

Investimento no estranxeiro

Púxose de manifesto a necesidade dunha estratexia común para investir e incrementar as relacións con países emerxentes economicamente (China, India, Brasil,..), que permita corrixir o carácter pouco estable, ou apenas inexistente, das relacións económicas de Galicia có exterior.

En definitiva, a actuación futura dos e das ADLs debe promover a coordinación dos distintos axentes que interveñen no proceso de desenvolvemento, propoñendo a creación de espazos que xeren estratexias comúns de actuación e a de posta en marcha de novas actividades alí onde aparezan novas oportunidades. Para elo precísase da vontade das institucións, das entidades e das empresas para traballar en colaboración, para determinar obxectivos e metas comúns, que sen dúbida redundarán en beneficios comúns, que redundarán á súa vez en benestar para todos, en beneficios para o territorio, e no progreso de Galicia.

Comentarios