Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Onte comezaron os traballos de análise arqueolóxica na ría de Corcubión

Onte comezaron os traballos de análise arqueolóxica na ría de Corcubión
Xa anunciamos onte os traballos de prospección a desenvolver na ría de Corcubión. Pero hoxe temos que voltar referirnos a este tema, xa que na mañá deste mércores comezou a prospección arqueolóxica subacuática e de cartografía dos xacementos arqueolóxicos localizados na ría. Os traballos comezaron no porto de Fisterra. O director da operación, Miguel San Claudio Santa Cruz, mantivo un encontro cos medios no que explicou as tarefas a realizar e as primeiras novidades nas investigacións. É a empresa Archeonauta a que se encarga dos traballos. A compañía conta cun equipo de arqueólogos especializados en metodoloxía e técnicas de investigación no eido subacuático. Flota de 1596 As tarefas terán como obxectivo documentar parte dos pecios da flota de 1596, dos que se teñen localizado arredor de seis naufraxios da flota ao mando do adiantado de Castela Martín de Padilla. Esta flota de preto dun centenar de naves, partiu dos portos de Lisboa e Sevilla cara a Irlanda, transportando un exército que debería apoiar aos irlandeses na loita fronte á ocupación inglesa da illa. A noite do 28 ao 29 de outubro de 1596 a flota sufriu un forte temporal fronte as costas de Fisterra que provocou que entre 25 e 31 naves afundiran na costa entre Corcubión e Fisterra. A orixe destas naves atópase en países de toda Europa, constando a existencia de buques españois, italianos, franceses, irlandeses, escoceses e ata do mar Adriático, en concreto da antiga Ragusa, hoxe a cidade croata de Dubrovnik. Na actualidade, nos pecios localizados, documentáronse numerosas pezas de artillería de diferentes tipos e materiais como bronce, ferro e ferro forxado; armamento lixeiro entre o que destaca os arcabuces e espadas, ademais de numerosa munición en chumbo, ferro e pedra. Elementos da impedimenta do exército tamén se documentaron como chumbo para fundir munición, cureñas de artillería terrestre e equipos cirúrxicos do corpo de sanidade como unha colección de xiringas cirúrxicas. Da estrutura dos propios buques, de diferentes tipos como urcas e saetías mercantes ata galeóns militares, foron localizadas tracas e fragmentos de cubertas ademais da pala dun leme duns catro metros de lonxitude, virtualmente intacta, conservando gran parte das súas ferraxes. Corveta Bayonnaise Outro dos buques de interese sobre os que está previsto intervir é a corveta de 32 canóns francesa Bayonnaise afundida na praia de Langosteira en Fisterra, o 28 de novembro de 1803. Perseguida polo navío británico H.M.S. Ardent de 64 canóns, o barco foi embarrancado pola súa propia tripulación que o abandonou tras prenderlle lume, polo que a embarcación estalou a media noite. Proviña da Habana e dirixíase ao porto da Coruña. A súa localización, como tantos outros buques dos localizados durante as campañas realizadas desde o ano 2006 na zona, debeuse ás informacións facilitadas polos pescadores do porto de Fisterra. O buque conserva gran parte da estrutura de madeira, ademais de pezas de artillería, numerosa munición, tanto de artillería como de armas portátiles, así como obxectos de uso cotián entre as que destacan varias pesas de balanza recuperadas o ano anterior. No ano 2009 executouse no seo da costa de Corcubión e Fisterra unha prospección xeofísica con sonar de varrido lateral, magnetómetro e perfilador de sedimentos. Dos varios centenares de puntos de posible interese arqueolóxico recollidos por estes equipos, cada ano véñense comprobando un número variable deles. Nesta campaña está previsto comprobar ao redor de 40, dos que xa un, localizado no interior da ría de Corcubión, resultou ser unha áncora tipo Almirantazgo. Os traballos nesta campaña desenvolveranse en perfectas condicións tanto de visibilidade como de seguridade. A maioría destes buques atópanse a escasa profundidade, en zonas moi resgardadas co réxime de ventos predominantes no verán e resultan moi accesibles dada a escasa entidade do sedimento que os protexe. Outros moitos xacementos xa localizados serán inspeccionados e en caso de resultar factible cartografaranse todos aqueles elementos postos ao descuberto pola dinámica mariña.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Comentarios