Piden emitir pola radiONeria os plenos de Corcubión
Segue o fermoso proxecto iniciado o curso pasado por Toño Casais para dinamizar a radiONeria esperando polas subvencións. A falta de investimento dun afogado concello corcubionés provoca que o proxecto dependa da Deputación da Coruña, que ten comprometido unha axuda a través da EMUGA, Rede de Emisotas Municipais Galegas, da que esperamos saber algo máis en breve.
A emisora fica estes meses dende que empezou o verán algo baixa de contidos actualizados, pero a marea de colaboradores e voluntarios que conseguira Toño Casais están devezosos por voltar a gravar.
Mentres, dende a oposición, o grupo de Sempre Corcubión propón unha idea: Gravar e emitir os plenos a través da emisora municipal corcubionesa. O grupo pide abrir os plenos á veciñanza utilizando a ideal ferramenta radiofónica local para establecer “a mellor comunicación posible en relación ao que se discute na corporación municipal”, destacando que “o pobo corcubionés é o suficientemente intelixente para saber interpreatar as palabras dos seus representantes”.
Lembran que xa pediron esta medida con anterioridade, e piden vontade política ao grupo de goberno do BNG.
Máis novas