María Bella: "É que non temos nin técnico de Cultura..."

A radiONeria leva máis de 5 meses sen emitir pola FM. O blog e os podcast a través da súa canle de Ivoox con as súas únicas vías para espallar os case 15 programas propios cos que conta a radio nestes momentos.
Leva moitos anos de abandono a emisora municipal de Corcubión por falta de investimentos, debido aos baixos orzamentos cos que conta o Concello. Sobrevivía gracias a un pequeno grupo de voluntarios, que sacaban esforzos do seu tempo para manter activa a emisión, permitindo que varias persoas puidesen seguir gravando os seus programas. Pero a posta en marcha dun proxecto con fondos europeos a través da Rede de Emisoras Municipais EMUGA, que permitía a aterrizaxe de Toño Casais como dinamizador hai xusto un ano, facía pensar que a cousa cambiaría, máis aínda despois do cambio de goberno acontecido en maio do ano pasado.
Pero o teórico apoio do novo grupo de goberno do BNG, ratificado coa asunción por parte do alcalde da presidencia da EMUGA, non se está a convertir en actos concretos, en fondos reais.
Por agora o Concello está colaborando para manter un mes máis activa a acción profesional de Casais, pero non consegue aportar fondos para a compra dun transmisor, un aparato que se estroupeo en outubro e polo a emisora deixou de emitir na FM. Un gasto, de arredor de 10.000 euros, que entenden inasumible a día de hoxe.
”Unha subvención permite unhas cousas, pero o problema da radio é un problema de fondo, que vén de moitos anos, e entendemos unha trampa que se pense que esa subvención, que viña cuns obxectivos concretos arredor do proxecto ODS, serviría para solventar todos os seus problemas”, explica a concelleira de Cultura, benestar, muller e igualdade, María Bella. “Temos no Concello unhas partidas orzamentarias moi cativas, a de cultura é das máis apretadas, tan apretadas que nin sequera temos un técnico de Cultura, que é unha figura indispensable, básica, para desenvolver a cultura nun concello”, sinala deixando clara que é a día de hoxe a prioridade máis importante do seu departamento.
Mentres a Asociación Radio Neria, reformulada da man do propio Toño Casais, Quique Portela, Luís Corral… se está movendo para intentar acadar subvencións que sirvan para manter viva a emisora, dende o Concello tamén se está facendo o posible para convencer á Deputación da necesidade de sacar unha liña concreta para a rede de emisoras municipais da provincia.
Lamenta a falta de mantemento que leva sufindo a emisora durante a última década, así como outros edificios municipais. “Estamos atopándonos infraestruturas que foron moi pouco coidadas e actualizadas, e agora mesmo estamos facendo moitos esforzos en rehabilitar, que non se caian cousas”. O tema do transmisor, un aparato de segunda man que non era cen por cen compatible coa antena, é un exemplo.
Sobre os orzamentos de 2024, Bella recoñece que están traballando en sacalos adiante. “O orzamento anterior tiña una partida de 340epico euros para a emisora. Pero non podo confirmar que vai haber maior ou menor partida a dia de hoxe porque nos estamos atopando sorpresas que non sabemos como imos cubrir cos poucos cartos que hai”, explica.
O Concello estaría encantado de poder Mancomunar a radio, unha idea que leva xa formulada dende 1996. Pero a realidade pesa e a día de hoxe ninguén confía en que a Mancomunidade sirva para algo, nin sequera para compartir servizos tan básicos como o do lixo.
Paralelamente deixa aberta a idea de facer unha xornada de reflexión sobre “que radio queremos neste século XXI”, pero deixa claro que “a miña perspectiva é que a radio a curto medio prazo, vai ter que traballar por proxectos. Non sei se é posible unha programación continuada”, sinala deixando claro que “a radio segue aberta a todo o mundo que o desexe e que é unha oportunidade para que xentes ou asociacións poidan utilizala para espallar a súa mensaxe”.
Historial sobre radiONeria
- Decembro 23: Corcubión ratifica o seu apoio á radiONeria asumindo a presidencia da EMUGA.
- Setembro 23:
- Xuño 23: Corcubión, territorio podcast.
- Abril 23: RadiONeria revive gracias á EMUGA e con Toño Casais á cabeza.
- 2019: O cole de Dumbría sumérxese na radiONeria.
- 2012: Avoa, como nos metemos nunha radio por dentro?: