A Plataforma Vendaval inicia unha rolda de reunións cos concellos da comarca de Fisterra para avaliar a calidade das augas

Unha representación da Asociación Vendaval Costa da Morte reuniuse co alcalde e membros do goberno de Corcubión, actual presidente da Mancomunidade de augas de Fisterra, para mostrarlles a súa preocupación pola calidade da auga que consome a veciñanza dos concellos que conforman esta Mancomunidade. Esta foi a primeira das reunións que se pretenden levar a cabo con todos os concellos implicados.
O motivo da dita reunión é a preocupación existente polo proxecto de construción dunha estación de bombeo no Monte da Ruña. "Ademais das consecuencias medioambientais e patrimoniais, das que tanto asociacións como Adega están a informar ou mesmo o catedrático Vidal Romaní polo desastre ecolóxico que suporía a destrución do último glaciar rochoso da costa atlánica galega, outra delas, e a máis importante para a nosa saúde, é a contaminación das augas froito desta obra", explica a entidade.
Dende a Asociación lévase traballando a reo durante os últimos tempos para informar a veciñanza e, froito deste traballo, son as máis de 2000 sinaturas recollidas en contra deste proxecto.
O alcalde Javier Domínguez Traba e o concelleiro Francisco Santiago López prometeron que trasladarían esta información ao resto das alcaldías para, entre todos, buscar unha solución. Mostraron en todo momento a preocupación pola gravidade do tema e comprometéronse a informar a veciñanza e a organizar xornadas formativas sobre as consecuencias que terá a construción deste proxecto na Ruña.