Xoves. 12.09.2024
El tiempo

Un corcubionés, mantedor literario nos Premios Xerais 2015

Un corcubionés, mantedor literario nos Premios Xerais 2015
Miguel Vazquez Freire nos Premios Xerais

Tivo lugar a pasada fin de semana a entrega dos XXXII Premios Xerais 2015. Uns premios da gran editorial galega que premiaron a Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville como grandes triunfadores da literatura galega neste curso 2015.

Foi unha gala ben xeitosa na simbólica illa de San Simón, e alí estivo dando o discurso inaugural o escritor corcubionés Miguel Vázquez Freire, que fixo de mantedor literario desta velada. Comezou o seu discurso, titulado «Unha parábola verniana», lembrando o capítulo VIII da 2ª parte de Vinte mil leguas de viaxe baixo o mar, que leva por título «Na baía de Vigo» para dar pé despois a análise dunha serie de aporías relacionadas coa literatura dirixida á infancia e mocidade.

Vázquez Freire afondou na tradición literaria galega, repasando o exceso de «sentimentalización»; “o pesadelo benéfico presente nos contos populares”, e recordando o gran impulso da literatura infantil no noso país (ben sabemos na Costa da Morte), lembrando que hai autores como Andersen, Lewis Carroll ou Collodi que acadaron, grazas aos seus contos infantís, o parnaso da gloria literaria.

Rematou Miguel Vazquez Freire reivindicando «o poder sempre vivo da palabra». “A literatura non é outra cousa ca palabra. Aí está todo. Gustariame sabelo dicir, ao xeito dos Exercicios de estilo de Raymond Queneau: son só palabras, son só palabras…”

Podedes descargaro texto do discurso de Vázquez Freire en pdf aquí e tamén o podedes ver aquí en vídeo nos primeiros minutos.

Fonte

Comentarios