Luns. 06.05.2024
El tiempo

Unha entrevista co mesmo Apalpador

Unha entrevista co mesmo Apalpador
O Apalpador anda estes dias por Corcubion

Este Nadal estará en Corcubión, Carballo, Vimianzo… A figura do Apalpador, o noso Rei Mago, vai medrando co paso dos anos, e co gran traballo das equipas de Normalización Lingüística dos centros educativos do país.

Estes días anda por Corcubión, por terras salgadas, e quixemos tomar un chocolate con el para ver como se presenta este Nadal.


  • QPC: Moi boas señor Apalpador. Que fai vostede, un home de monte, por unha zona costeira coma esta?

Olá, moi boas. Xa facía un bon lote de anos que non pisaba estas terras e decote dicíame, a ver se un ano destes busco unha boa escusa para ir visitar a Costa da Morte…
Pero sempre teño tanto traballo durante todo o ano…
E mira ti por onde. Entereime que o ano pasado a ANPA ALÉN fixera unha actividade que me chamou moito a atención. Iso de agasallar cun apalpadorziño de escaiola a todos os cativos e cativas do CEIP Praia de Quenxe e despois facer un concurso para pintalos é unha idea moi orixinal para darme a coñecer, os bonecos sonche ben fermosos e as nenas e nenos que os pintaron fixeron un traballo moi bon…
Xa tiña a escusa, así que collín os trebellos todos e achegueime a Corcubión…por certo unha vila ben fermosa, O Courel está moi ben, pero aquí con esa Ría, con esas casiñas arredor da Igrexa, ese casco histórico… Ese Monte Pindo… Impresiona, abofé…


apalpador Leandro lamas
  • QPC: Cóntanos como entra vostede na casa dos pequenos galegos por Nadal?

Eu dende séculos sempre entrei polas chemineas dos fogares, agora con esa teima de facer edificios tan altos tiven que “actualizarme” e levar comigo uns aparellos para poder escalar esas paredes tan feas de cemento…
Se podo, entro pola cheminea, ou polas xanelas… algúns pais e nais, que xa saben que veño esa noite adoitan deixarmas abertas para facilitarme o traballo…
Despois vou as habitacións dos nenos e con moito agarimo Apálpolles a barriguiña para ver se están ben mantidos e bísbolles amodiño: “Así, así esteades todo o ano!” Sigo a deixar unha presa de castañas para lembrar os tempos en que non había tanta larpeirada. En que a castaña era o único doce que había nas casas…
Despois espallo polos corredores da casa as larpeiradas e as castañas e vou agochando os agasallos feitos por min e os meus axudantes nos montes do Courel…


  • QPC: Se Papa Noel ríe “jo, jo, jo”. Como ríe o Apalpador?

O noso País ten unha fala moi rica en variedades dialectais… Aquí, na Costa da Morte…Gha gha, gha, con gheada, claro.


Moi ben, moi ben, coma xa che contei antes vin pola da actividade da ANPA ALÉN. Quero aproveitar e darlles as grazas polo recibimento e polo esforzo en darme a coñecer…
Como despois do Nadal sempre descanso uns días, fiquei para coñecer a zona (Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros…vivides nun paraíso) e volvín ao CEIP Praia de Quenxe para dar os agasallos polos Apalpadorciños que pintaron as nenas e os nenos, paseino moi ben, abofé…

Asi de fermosos quedaron os Apalpadores de Corcubion
  • QPC: Estes días volves de visita ao CEIP Praia de Quenxe, non si?

Si, este ano, xa ao coñecerme todos, decidín volver para poder falar e ver a todos os nenos do Colexio, faime moita ilusión, sempre me gusta coñecer xente nova, e estar entre nenos sempre é moi divertido e gratificante, aínda que logo me dean mais traballo para facer mais brinquedos…


  • QPC: E parece que tamén estará por Carballo...

Efectivamente, estarei por Bergantiños tamén contando a miña historia e recollendo os desexos dos nenos e das nenas.

O Apalpador, aquí noutra das representacións máis típicas, estará en Carballo
O Apalpador de Luis Davila
  • QPC: Por Euskadi, a figura do Olentxero xa é toda unha referencia no Nadal. Como cres que a sociedade galega sente a túa presencia?

Cada vez son mais coñecido, é certo que estaba moi esquecido, eso producíame algo de tristura, de feito sempre o falaba co meu colega o Olentxero, pero sempre había quen me lembraba, ben polos seus avós, ben porque alguén llo contou, ben polo esforzo de recuperación das asociacións… e eu saía todos os anos co meu saco cheo de xoguetes feitos coas miñas mans e a miña navalla cheo de ilusión…
Agora, cada vez son mais coñecido. Vou tendo mais traballo durante o ano, eso é bon, mentres sexa lembrado por unha soa nena, por un só neno…Eu seguirei saíndo sempre polo Nadal.


  • QPC: Cres que a túa figura conseguirá equipararse ás de Papa Noel e os Reis Magos?

Eu, sen ánimo de molestar a ninguén, son a verdadeira figura do Nadal Tradicional Galego. O importante é que os nenos e os pais crean en min, Se as nenos cren en min creran os pais, e se os pais cren en min creran os fillos…


  • QPC: Pois moita sorte Apalpador, esperamos verte moitas veces pola nosa terra salgada!

Deica logo! Encantado de falar convosco.

O Apalpador loita contra o consumismo exarcerbado en Galicia-Mural do CEIP San Xoan de Filgueiras

E mentres vemos alonxarse ao Apalpador, imos escoitándolle cantaruxar aquelo de:

“Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña…”

Aperta grande o Apalpador

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios