Un xogo do Prestige e a nova obra de Farándula Velutina, oferta da finde en Corcubión
Esta fin de semana a programación en Corcubión fai un chiscadela ao aniversario do afundimento do petroleiro Prestige máis ao movemento cidadá do Nunca Máis coa presentación do xogo O Ghaiteiro Petroleiro e clausura o II Ciclo de Teatro Amador de FEGATEA vestíndose de gala coa peza “Troia 1940” da compañía Farándula Velutina.
Será o venres 15 ás 19h na Biblioteca Municipal e o sábado 16 ás 19,30h no Auditorio, respectivamente, ambas na Casa da Cultura de Corcubión.
Presentación do Xogo do Prestige
O programa de presentacións mensuais do libro do mes de Novembro acolle así “O Ghaiteiro Petroleiro”, un xogo de 120 cartas ilustradas por artistas contemporáneos que festexa a memoria do movemento Nunca Máis, as súas loitas, símbolos, estratexias e inimigos. A presentación consistirá en coñecer polo miudo os misterios do xogo pero tamén en pasar un rato xogándolo. Así que se convida a acompañar a todo tipo de público
Esa mesma tarde dará comezo unha pequena mostra cunha selección das ilustracións do xogo. Guiarán a sesión de presentación e xogo Daniel L. Abel e Jorge Linheira da Asociación UGBN editora do xogo e da proposta xunto a Viki Rivadulla, artista colaboradora no xogo. A mostra quedará aberta ao público no espazo do hall da Casa da Cultura.
Teatro con Farándula Velutina
Por outra banda a vila vístese de gala para pechar o II Circuito de Teatro Amador de FEGATEA coa actuación da agrupación local de teatro Farándula Velutina. Presentarán “TROIA 1940”. Unha peza que mestura mundos e recupera a linguaxe da traxedia clásica para contar unha historia atemporal que na obra se sitúa nunha Galicia marcada trala contenda civil cando comezan a deixarse sentir os primeiros síntomas represivos do novo réxime. As protagonistas son Carme e Matilde ámanse, pero o seu é un amor prohibido.
Máis novas