A Fiscalía abre unha nova investigación en Santa Comba contra Ucha Velo
Continúan os asuntos xudiciais sendo pan de cada día no Concello de Santa Comba, un dos máis investigados de Galicia. A Fiscalía vén de abrir unha nova investigación na que analiza as supostas irregularidades dun contrato a un bufete de avogados do Concello de Santa Comba durante a alcaldía de José Antonio Ucha.
A empresa contratada ingresaría máis diñeiro por outros conceptos que os estipulados no contrato, segundo a documentación que manexa o diario curmán Galicia Confidencial.
O pasado xaneiro a Fiscalía pedía copia dilixenciada e completa do expediente administrativo, tramitado como contrato menor de servizos de asistencia xurídica municipal do pasado ano. Os concellos e outras administracións, segundo a lexislación vixente, poden contratar servizos directamente, pero de xeito motivado, a empresas cando o prezo non supere os 18.000 euros nin o ano de duración. E isto é o que se fixo en Santa Comba para contratar o servizo xurídico.
Segundo sinalan os informes, Ucha Velo fixou como prezo do contrato tan só 5 céntimos menos do límite legal. Non obstante, o que chama a atención dese contrato, é que, ademais da facturación mensual, a empresa cobrará, a maiores, as costas dos xuízos --que por lei lle corresponden ao concello como recursos públicos que son--, e tamén a facturación a maiores daqueles xuízos de "maior contía" e todos os gastos de desprazamento, aloxamento ou manutención.
A Fiscalía pediu un informe porque entende que, con este sistema de contratación, estanse a evitar a emisión de informes xurídicos vinculantes, tanto do Secretario, como do Interventor do concello. O certo é que se se fixera o verdadeiro prezo do contrato --que con eses custos adicionais superaría con creces eses 18.000 euros--, sería obrigatoria e emisión dun informe por escrito. Ademais, a superación dese límite evitaría a contratación a dedo dunha empresa.
Segundo esa adxudicación de contrato menor, á que tivo acceso GC, os servizos contratados son defensas en xuízos, con contías de ata 36.000 euros, a realización de emisión de informes que sexan necesarios ou preceptivos na tramitación de expedientes municipais e a asistencia presencial no Concello de Santa Comba, cun máximo de catro visitas mensuais.
Fonte
- Galicia Confidencial.