O exalcalde de Coristanco Pensado Plagaro, condenado por prevaricación
Tras máis de 7 anos de lixitios (foi en febreiro de 2014 cando se realizaban os primeiros rexistros na Casa do Concello), a sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar ao que foi alcalde de Coristanco, Antonio Pensado Plágaro, a 7 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por cometer un delito de prevaricación. A audiencia considera probado que Plágaro, alcalde do PP entre 1991 e 2015, autorizou en 2012, a unha empresa a almacenar residuos de demolición e construción nunha finca. O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, destaca que a resolución do entón rexedor municipal foi “arbitraria e contraria á legalidade” e impuxo a mesma pena, como cooperadores necesarios do delito de prevaricación, aos tres irmáns administradores da compañía beneficiaria.
Os xuíces aseguran que o exalcalde actuou “concertadamente” cos tres empresarios “para tratar de deixar sen efecto” as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizado.
Lembramos que o 70% das obras municipais adxudicadas entre 2009 e 2013 recaeron no mesmo grupo empresarial a través dun susposto sistema de adxudicación a “dedo” para “favorecer aos tres irmáns cos que supostamente lle unía unha amizade. Unha circunstancia que, en calquera caso, a Audiencia non puido acreditar, polo absolveu ao alcalde e aos empresarios, dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias.
Os maxistrados consideran “evidente” que a autorización era “alonxado de calquera legalidade vixente”, e que “esa circunstancia era “coñecida por todos os acusados, debido a que no ano 2007 xa houbo denuncias por provisión de material na mesma leira e un expediente sancionador da Xunta”. Os xuíces explican que, segundo declararon os axentes da Garda Civil e do Seprona que se desprazaron ao terreo, nel había “múltiple material que estaba amontoado”. Tras a inspección, un dos tres empresarios, segundo consta na resolución, foi ao Concello para conseguir “un papel para acreditar que tiñan autorización”. Por iso, o exalcalde emitiu un escrito, coa súa firma e co selo do Concello, o cal carecía “de calquera requisito que o permita entender axustado á legalidade”, segundo os xuíces, os cales salientan que a competencia para autorizar esa provisión de materiais é da Consellería de Medio Ambiente.
Novas relacionadas
- 20-07-21: Pensado Plágaro senta de novo no banco dos acusados tras 7 anos de litixio.
- Maio 18: Pensado Plágaro pasou de novo polo Xulgado de Carballo no marco da Operación Pataca.
- Maio 18: O 70% das obras de Coristanco entre 2009 e 2013 recaeron no mesmo grupo empresarial.
- Abril 18: O “dedo” adxudicador de Pensado Plágaro.
- Maio 2015: A man culpable do alcalde de Coristanco Pensado Plágaro.
- Xuño 2014: O alcalde de Coristanco, imputado por prevaricación e malversación de fondos públicos.
- Febreiro 2014: A concesión de obras municipais volve levar a un Concello de Coristanco ante a Xustiza.
- Febreiro 2014: Rexistro no Concello de Coristanco por suposto delito de prevaricación e tráfico de influencias.