O PSOE de Coristanco pide a eliminación das barreira arquitectónicas da Cuca

O PSdeG-PSOE de Coristanco vén de solicitarlle ao concello a eliminación de barreiras nas beirarrúas do lugar da Cuca, na parroquia de San Xusto.
Dende o Grupo Municipal Socialista expresaron a súa fonda preocupación e disconformidade ante o feito de que na recente construción de beirarrúas nesta zona non se tivo en conta a necesidade de evitar barreiras arquitectónicas.
Para o voceiro socialista José Manuel Pérez Abelenda “esta é novamente unha falta de planificación en canto a accesibilidade por parte do concello, que non só infrinxe a normativa vixente senón que ante todo é un obstáculo para a inclusión das persoas con mobilidade reducida”.
O PSdeG de Coristanco xa denunciara a mesma situación no 2022, cando presentaron un rogo para a mellora das beirarrúas que había naquel momento na Cuca do que o goberno municipal fixo caso omiso.
“A pesar dos avances na concienciación social sobre a importancia da accesibilidade universal, o goberno municipal demostra una clara falta de compromiso con esta causa”, lamenta Pérez Abelenda. “Construír sen eliminar as barreiras arquitectónicas é un acto irresponsable que motiva a exclusión dun segmento importante da poboación”, engade.
Para o voceiro socialista “é inaceptable que en pleno século XXI continuemos permitindo que as nosas obras e actuacións ignoren as necesidades de todos os veciños e veciñas”.
“Facemos unha chamada ao Goberno municipal para que se replantee o seu enfoque, xa que os investimentos en infraestructuras deben ser unha oportunidade para mellorar e non unha carga máis para a veciñanza do noso Concello”, indica o socialista.
Para Pérez Abelenda, “a veciñanza da Cuca merece un espazo público que facilite a mobilidade e garanta á súa vez a igualdade de oportunidades, ao igual que se fixo noutros lugares ou incluso na accesibilidade da Casa do Concello recentemente tamén se pode e se debe facer en cada unhas das actuación que se acometan, sexa na parroquia que sexa”.