Santa Comba crea unha Xunta Local de Seguridade
08:07 01/04/16
O subdelegado do Goberno, Jorge Atán, presidiu a reunion constitutiva da Xunta Local de Seguridade de Santa Comba
O concello de Santa Comba avanzou onte un paso máis en materia de seguridade coa creación dunha Xunta Local de Seguridade. A reunión constitutiva estivo presidida polo subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e o alcalde xalleiro, José Antonio Ucha. Desta forma, materializase o acordo adoptado en febreiro nunha reunión celebrada na Subdelegación do Goberno da Coruña.
Analizar a evolución da delincuencia no municipio, propoñer medidas de coordinación entre as forzas do orde e vixiar a correcta implementación son as principais funcións desta Xunta Local de Seguridade que ten por obxectivo mellorar a seguridade dos veciños e veciñas de Santa Comba. A presidencia deste órgano de cooperación é compartida polo alcalde e o subdelegado da provincia.
Á sesión tamén asistiron a vicesecretaria da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Francisco Jambrina; acompañado polo sarxento xefe do Posto de Santa Comba, Daniel Lamazares. Por parte do concello asistiron o tenente alcalde, Miguel Caamaño; o xefe accidental da Policía Local, Juan Carlos Suárez; e o xefe de Protección Civil, Benigno Bouzada. Por último, en representación da Policía Autonómica acudiu á reunión o inspector xefe da Unidade Adscrita, Antonio Riádigos.
Situación actual
A primeira reunión da Xunta Local de Seguridade - celebrada onte - serviu para analizar a evolución da seguridade cidadá no concello de Santa Comba. Segundo os datos proporcionados pola Garda Civil, os índices de delincuencia neste concello están por debaixo da media provincial.
Pola súa parte, Jorge Atán anunciou que o Ministerio do Interior incorporará un efectivo máis á plantilla do posto da Garda Civil en Santa Comba. Está previsto que se incorpore antes de dous meses; unha vez que se resolva o pertinente concurso de traslados.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected]).
- Santa Comba.