A imaxe de San Paio ermitán da igrexa de Coristanco
O 15 de xaneiro de cada ano son varias as parroquias da zona de Bergantiños, poucas no ámbito da diocese de Santiago, que celebran a festividade de San Paio, primeiro ermitán. Non debemos confundir a este santo con outro San Paio (Pelayo, en castelán), mártir galego do século X, titular de moitas freguesías da nosa comunidade. O San Paio que se celebra en xaneiro, o seu nome deriva de Paulo, por confusión dos nosos paisanos, foi un cristián exipcio, de Tebas, que por unha serie de circunstancias pasou a vivir preto de noventa anos como ermitán no deserto, onde faleceu cara o 342 coa idade de 113 anos. Deste xeito, a avogacía deste santo é a atención sobre os males dos ósos. Neste ermo recibiu a visita de san Antón abade, que transmitiu o exemplo deste santo aos seus discípulos, e que conservou con moita estima o hábito feito de follas de palmeira que Paulo vestía mentres andaba por este mundo. A súa vida foi escrita por San Xerome, e tomáronse del varios detalles para plasmar a súa iconografía, especialmente o motivo do corvo que o acompaña, que lle proporcionaba ao santo un pan diario dunha mesa descoñecida.
Na zona de Bergantiños, o centro de devoción máis antigo na honra de San Paio é o santuario que se atopa na parroquia de Entrecruces, preto da fervenza. Alí contamos con varias imaxes: unha procesional, outra no retablo e unha máis no cruceiro. Aquí represéntase a San Paio vestido de hábito: túnica branca, escapulario e capa, recollido en oración e portando un báculo. Cando se restaurou a capela, os artífices da recuperación do retablo incidían que esta non era a imaxe do santo, que era san Antón abade. Esta idea é totalmente falsa. Se miramos a historia, a figura deste ermitán inspirou a fundación dunha orde relixiosa en Hungría, a Orde de San Paulo ermitán; en 1240, o corpo do santo foi levado a Venecia dende Constantinopla e, de alí, en 1381 o rei Luis I de Hungría trasladou as reliquias á capital do seu reino, nacendo ese carisma monástico baseado na figura do Santo de Tebas. Polo tanto, nas imaxes de Entrecruces, o que vemos é ao santo vestido co hábito da Orde Paulina, seguindo o modelo que se mostra nos libros da regra da congregación. A imaxe monacal de Entrecruces foi copiada para facer unha nova imaxe de San Paio para a igrexa de Niveiro, en Val do Dubra. Nesta freguesía existiu un retablo e imaxe antiga, entregada esta última o 17 de xuño de 1742, e feita polo escultor compostelán Luis Parcero.
Outras parroquias da contorna de Bergantiños onde se venera a San Paio, ou San Paulo ermitán, son as de Goiáns e Coristanco. Tanto nunha como noutra preferiuse representar ao santo como penitente; na de Goiáns aparece case nu, orando sobre unhas penas, acompañado do corvo. En Coristanco, a imaxe preséntase ergueita e o seu gran tamaño foi unha vantaxe para que o escultor se recreara en moitos detalles. É importante remarcar algo sobre esta parroquia. En Coristanco o patrón é San Pelayo, San Paio en galego, recordemos; este tiña festa o 26 de xuño, día onde se celebraban dúas funcións nesta igrexa: primeiro a do santo e, logo, a do Santísimo Sacramento. Como o 15 de xaneiro se veneraba ao outro San Paio, o ermitán, os nosos paisanos chamaron a este “San Paio de Xaneiro” e, ao mártir, “San Paio do verán ou de xuño”, para evitar confusións. Nos anos oitenta do século pasado o párroco moveu a festa para o primeiro fin de semana do mes de xullo, quedando para o sábado a festa do Sacramento e, para o domingo, a de San Roque e San Cristovo, imaxe que regalaran unha serie de familias veciñas había pouco. A festa de San Paio mártir foi xuntada coa de San Paio ermitán, sacando as dúas imaxes no 15 de xaneiro, engadindo máis confusión se cabe aos devotos e aos cregos que viñeron despois.
O culto a San Paio ermitán en Coristanco asentouse en data incerta, se ben, temos constancia que se debeu facer unha imaxe nova coa construción do actual retablo maior, cara 1760, obra de Antonio de Meis. Esta imaxe, deteriorada polo paso do tempo e pola acción dos devotos, foi substituída pola actual nos anos vinte do século pasado, polo que podemos tratala xa de centenaria. É obra do taller de Rodríguez e Puente, de Santiago de Compostela. Nela apreciamos unha talla de gran tamaño, case natural, onde os tallistas se inspiraron nalgunhas obras de Zurbarán que retratan ao Santo: amósano como un ancián, vestido dun traxe feito de follas de palma, cunha cruz arbórea, e dando golpes de peito. Aos seus pés, un pequeno corvo leva un bolo de pan no peteiro, para que San Paio se alimentase. O autor representou con gran minuciosidade a anatomía, a musculatura, as veas, engadindo certa flaccidez para dar máis verosimilitude á obra, acentuadas polas engurras e a calvicie do rostro e cabeza, que inciden na vellez que caracterizou ao Santo. A pintura que vemos hoxe é máis recente, dos anos noventa, aproximadamente: a talla estaba en moi mal estado, incluso o párroco barallara retirala do culto; sen embargo, unhas familias devotas aportaron a suma suficiente para restauralo. Foi levado para pintar a Santiago, ao taller de Ángel Rodríguez, da mesma sociedade onde fora tallado había xa unhas décadas para esta parroquia do corazón de Bergantiños.
Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Vitorio, mártir
- Un crime de novela acontecido en 1895 nunha parroquia de Carballo
- Noventa e cinco anos da imaxe da Virxe Milagrosa en Entrecruces
- Unha nova aldea para unha gran igrexa: a construción dunhas vivendas públicas no entorno da parroquial de Rus en 1789
- Os párrocos de Santa María de Traba e San Martiño de Oca, en Coristanco, dende finais do século XVI
- Un libro de rendas e esmolas da parroquia de Santa Baia de Castro, en Coristanco, do ano 1711
- Un documento inédito redactado en Rus en 1796: o testamento da esposa do artista Ignacio Tiburcio Freire
- Ritos e liturxia popular nos santuarios da zona de Bergantiños
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir
- O incendio do retablo de Noicela en 1906
- A reliquia de Santo Outelo de Goiáns
- Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa
- Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza
- Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817
- A contratación da campá maior de Rus, en Carballo, en 1791
- A cruz parroquial de Verdes, en Coristanco: unha das pezas de prata de máis antigüidade na zona de Bergantiños
- As constitucións de 1771 da confraría de Santa María de Ferreira
- Analizando polo miúdo a custodia de San Pedro de Valenza, en Coristanco
- Setenta anos da chegada de don Cipriano Reiriz de Dios (1902-1983) a Valenza, Coristanco: o crego que fixo progresar o rural.
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través da visita pastoral de 1817
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través das visitas pastorais dos séculos XVII e XVIII
- Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños