O Tribunal Supremo confirma a llegalidade do parque eólico de Bustelo abrindo o camiño a outros 80 paralizados polo TSXG

Os Proxectos eólicos de Bustelo, Barallans e Alto Torreiro foron anulados polo TSXG por segmentación irregular

Non desiste a Xunta coa súa invasión eólica. A pesar de que veciñanza leva case unha década loitando contra a implantación de viraventos en todo o noso territorio, e a pesar das negativas do Tribunal de Xustiza de Galicia, o Tribunal Supremo vén de darlle a razón a Xunta e á patronal eólica, anulando a sentenza que o TSXG aplicara ao Parque Eólico de Bustelo.

Unha sentenza ademais de pode abrir un camiño para desbloquear máis de 80 parques eólicos, como anunciaba onte un orgulloso Alfonso Rueda.

A Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo estimou os recursos presentados pola Xunta de Galicia, Greenalia Wind Power Campelo S.L.U. e a Asociación Galega de Enerxía Eólica (EGA), confirmando a legalidade da autorización administrativa previa e do permiso de construción do parque eólico de Bustelo, situado nos concellos de Coristanco e Carballo (A Coruña).

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou o recurso presentado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e anulou, por ilegal, a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, do 28 de xuño de 2021, que concedeu a mencionada autorización administrativa.

O Tribunal Supremo anula a sentenza recorrida e reitera a doutrina establecida na sentenza ditada o 21 de marzo de 2025, que confirmou a legalidade do acordo administrativo que autorizou o parque eólico de Campelo promovido pola mesma empresa eólica que o parque eólico de Bustelo.

A Visión de ADEGA

Desde ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica PDCC lamentan que o TS non acollese o escrito de oposición presentado por ambas entidades contra os recursos de casación da Xunta e da promotora, malia a que era un fallo anunciado desde hai máis dun ano, cando o Supremo ditara sentenza para o proxecto eólico de Campelo, “por ser idénticos los motivos esgrimidos en ambos recursos de casación, e iguales las cuestiones consideradas de interés casacional objetivo”, tal e como reza a sentenza. 

O recente fallo reproduce e ratifica o contido da sentenza previa da mesma Sala e Tribunal, de data 21 de marzo de 2025, relativa ao parque eólico Campelo na que se desestiman, en particular, os argumentos do TSXG para xustificar a existencia de fragmentación artificiosa de proxectos. En contra da argumentación empregada polo TSXG, o Supremo incide en que o feito de que dous ou máis proxectos eólicos compartan instalacións de conexión, non comporta, de por si, a existencia dun único proxecto eólico a efectos da súa avaliación ambiental. A existencia de fraude de lei teríase que ter demostrado sobre “la adecuación de la avaliación ambiental en las circunstancias del caso que, según consta en las actuaciones, fue de carácter ordinario, con el correspondiente estudio de efectos acumulativos y sinérgicos cuya suficiencia o insuficiencia no se analiza”.

É, polo tanto, na insuficiencia ou deficiencia das avaliacións de impacto ambiental dos proxectos nas que deberá fundamentarse a suposta existencia de fragmentación artificiosa de polígonos eólicos.

O Supremo ratifica que haberá que avaliar o proceder da administración galega caso a caso 

A asociación ecoloxista ADEGA insiste, como xa fixera no caso de Campelo, que a actual sentenza do Alto Tribunal relativa a Bustelo "non valida a praxe da Administración galega no tocante ás avalacións ambientais e autorizacións dos proxectos eólicos, senón que censura que a Sala autonómica non argumentase debidamente as eivas na avaliación ambiental que determinarían a súa insuficiencia, e polo tanto a concorrencia dunha fragmentación artificiosa de proxectos contraria a Dereito". Polo tanto," non veñen a constituír a lexitimación de todas as autorizacións de polígonos eólicos outorgadas pola Xunta de Rueda nin o tan socorrido "desbloqueo" do sector tantas veces aludido polo presidente da Xunta".

Nas numerosas autorizacións eólicas recorridas por ADEGA que están aínda pendentes de fallo, a asociación ecoloxista puxo de manifesto, nos correspondentes informes técnicos, a insuficiencia das avalacións ambientais e a conseguinte deficiencia das declaracións de impacto ambiental dos proxectos eólicos. Polo tanto, á vista desta doutrina xurisprudencial do Tribunal Supremo, corresponderalle á Sala autonómica, unha vez se retome a tramitación dos procesos, determinar a validez ou invalidez de ditas avaliacións e a existencia, cando proceda, de fragmentación fraudulenta de proxectos.

 

Máis novas