A veciñanza rescata o Antroido do Burro de Valenza de Bergantiños despois de 50 anos

Como fixeron noutras vilas da comarca como os xa famosos en toda Galicia Madamitos e Ghuadineros de Cerqueda, a veciñaza de Valenza de Bergantiños (Coristanco) está a rescatar a celebración do emblemático Antroido do Burro.
Unha veciñanza unida, en parte pola loita contra a invasión eólica, que se prepara para recuperar un evento esquecido hai máis de medio século. Así, o vindeiro sábado 1 de marzo de 2025, ás 17:00 horas, na praza de Castroboo regresará unha das festas máis queridas e características do ciclo do ano nesta pequeña aldea da Costa da Morte.
A pesar de ter pasado 50 anos dende a última celebración, a súa memoria perdura no corazón da comunidade, que conserva as lembranzas de xornadas memorables cheas de xogo, ledicia e persoaxes inconfundibles. Entre eles, o burro co seu rabo de toxo, a vella, os peliqueiros agochados nas súas pelicas de coello, os “vellos” varreduiros, e as madamas e ghaláns. Este ano, todas estas figuras volven ós rueiros para devolverlle a Valenza o colorido, a música e a diversión de outrora.
A Comisión de Festas instalará unha cantina na praza, onde os asistentes poderán degustar filloas, orellas e, por suposto, molla-la palleta namentres participan desta tradición popular.

Homenaxe ás pandeireteiras de Lestón
Neste 2025, a comunidade de Valenza quere tamén render tributo ás pandeireteiras de Lestón: Lisa de Liborio, Consuelo de Cristino, Xosefa de Velo, Maruxa D’Allo e tantas outras, que foron fundamentais nas derradeiras foliadas dos cabanotes e ruadas do Antroido. Este recoñecemento é un pequeño agradecemento ó legado musical e cultural transmitido polas nosas nais e avoas, indispensables na transmisión da cultura popular da nosa terra.
A Asociación Lourido e a Comisión de Festas de Valenza fan un chamamento a toda-las persoas das parroquias veciñas e máis a aquelas que desexen achegarse para revivir esta tradición que, malia estar agochada durante anos, nunca foi esquecida.
Xa podedes estar atentas a todo o que fan no IG @lourido_valenza.