Xose Antonio Andrade escribe e tamén pintaba
Está en todo ultimamente. Ademais de colarse no pleno de Coristanco, Xosé Antonio Andrade acaba de publicar un novo libro, e tamén está de estrea en clave artística. O pasado venres inauguraba unha exposición no Espazo Garabato, en Carballo, que supón unha retrospectiva da súa andaina dentro do mundo da arte. A exposición "Eu tamén pintaba" abarca debuxos, cadros, textos e ata os seus libros publicados.
Ademais, esta fin de semana tamén nacía un novo "fillo" da colección literaria "Costa da Morte" nacida en Cerqueda no 2015, de Edicións Embora, da súa autoría. "Nas Cortinas do Tempo", vía a luz na Praza dos Libros de Carballo.
Eu tamén pintaba
Antonio Andrade na inauguración da sua exposición no Espazo Garabato de Carballo
El mesmo cóntanos como foi a súa relación coa arte ”Con sete anos de idade, a descuberta do lápiz de grafito e o plumín convencional foi para min unha das grandes experiencias vitais. A posterior aparición dos rotuladores, xa no bacharelato, veu completar as ferramentas necesarias para un aproveitamento académico que hoxe sorprendería no campo da pedagoxía. Eu aplicaba aquelo de “aprender debuxando” á Historia, ás Ciencias Naturais, á Física e Química, á Literatura e, andando os anos, mesmo ós apuntes de Facenda Pública ou Dereito Procesal”.
"Mais o tempo pretérito que da nome á exposición non acouta só a miña época escolar ou universitaria. Tal vez porque a Arquitectura non estaba ao alcance da miña condición económica e social, houben de substituir a mesa de estudo pola máis humilde mesa-camiña, na que teño feito á escala os “planos” de casas que nunca habitei ou daquelas outras que quedaron tristemente inacabadas. Pero isto último é fariña para outro pan. Despois de cinco lustros, tal vez volva a debuxar a vida que soñamos.”
Andrade
X. Antonio Andrade (Coristanco, 1957) é avogado en exercicio, escritor, membro do Club de oratoria Toast Masters International. De formación autodidacta, ten participado en exposicións colectivas da Escola de Artes e Oficios de A Coruña e de xeito individual en Montrove-Oleiros (1978 e 1981) e Sada (1983). A mostra recolle obras daqueles anos, e algúns traballos singulares, dacabalo entre os chamados “cadernos de limpo” e o deseño dunha porta, un parral ou unha galería tradicional.
Desde este ano é concelleiro do BNG no pleno de Coristanco, despois de ser o candidato á alcaldía nas Eleccións de maio de 2019.