O Transporte Integrado crúzase na loita pola conciliación da Xornada Única nos centros de ensino de Coristanco
Así o entende a ANPA de Agualada, que vén de enviar un escrito á Consellería de Educación, a Consellería de Movilidade e transporte e ao Xefe territorial un escrito de apoio á solicitude de xornada única presentada polo CEIP Bormoio-Agualada e o CPI Alcalde Xosé Pichel.
As premisas son claras: “A maioría das familias apoiamos a Xornada Única porque o horario actual de entrada ás 10.15h e saída ás 17.00h, é incompatible coa gran maioría de horarios laborais”. Unha situación que obriga a moitas familias da zona a escolarizar aos seus fillos noutros centros onde si poden conciliar o seu horario laboral co escolar, como en Carballo ou Cabana.
”Queremos que os/as nosos/as nenos/as participen en actividades extraescolares no seu centro, dende os centros escolares propúxose uns horarios acordes, a mellor conciliación, e a que o transporte non se vira incrementado, xunto a unha axenda de actividades extraescolares propostas por parte da Anpa da Agualada, que se poderían levar a cabo coa xornada única, pero isto é imposible nun horario de xornada partida, xa que prolongaría a estancia no centro do alumnado ata as 18:00h ou incluso 19:00h”, explican.
Cómpre non esquecer outro punto fundamental: “coa xornada partida redúcese o tempo de estar en familia, de facilitar actividades extraescolares para os nenos, e incluso facilitar o reforzo escolar para os nenos que o necesitasen”. E pensan tamén na estabilidade do profesorado, “para que poidan traballar nun proxecto de continuidade”.
Dende a ANPA lembran que “están contentos co colexio, co persoal do centro, co ambiente educativo que xerou un comunidade educativa implicada e involucrada na contorna, e con profesorado que pon en valor a nosa zona. Sentímonos privilexiados por todo isto, pero estamos reivindicando servizos necesarios e básicos para os nenos e as nenas do rural e as súas familias”.
Negativa da Xunta
Pero a cousa non está sendo doada. A solicitude da xornada única foi denegada o día 28 de xaneiro de 2020 pola Dirección Xeral de Mobilidade, cun informe desfavorable, respecto das rutas de transporte integrado, asegurando que “os recursos dispoñibles non son suficientes para atender o cambio horario e que se necesitarían dous buses a maiores”.
Polo medio crúzase de cheo o proceso de Integración do Transporte escolar e colectivo, a chamada "revolución do transporte no rural galego". Un cambio vai obrigar ás empresas a aproveitar os buses escolares para facer liñas regulares. Un proxecto que está en licitación na comarca de Bergantiños, e que tras unha suspensión volve estar aberto.
”Non compartimos o motivo alegado pola Dirección Xeral, xa que as rutas non variarían nin se incrementaría o número de buses necesarios, simplemente é un cambio de horario. Incluso beneficiaría a posibles usuarios do transporte pois chegando a Agualada ás 9.30h. sería compatible cos horarios da liña que circula pola zona ou contorna”.
A situación, con todo este estado de alarma, complícase ademais, pois a Xunta non comunicou a negativa ata o 16 de abril, dende cando non hai comunicación ningunha cas familias, que non poden exercer o seu dereito de información e manifestación.
”Non pedimos nada extraordinario, xa que a xornada continua ou única é a que predomina nos centros da contorna e en toda Galicia. Pero parece que para a Consellería, as persoas das zonas rurais non temos os mesmos dereitos que os demais. Reiteramos que con esta decisión a Administración aboca ao colexio da Agualada a un futuro incerto”, rematan dende a ANPA.